O domingo 14 de xuño, ás 11 h, na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.
Este ano a cabida da Catedral quedou reducida a 250 persoas debido ás medidas de protección establecidas.
Acompañaron a celebración un grupo de cantores do Orfeón Lucense e da coral Xeral-Calde e tamén o grupo tradicional “Os Xílgaros de Lugo”.
Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, comezou dicindo que hoxe celebramos o Corpus con alegría: “as formas das nosas tradicións, as expresións da nosa devoción non están presentes, pero a alegría coa que celebramos hoxe o Corpus, é quizais aínda máis grande, porque proclamamos a esperanza da vitoria que vén do Señor, que é na que cremos”.
“Este tempo que nos puxo en cuestión, un tempo singular pola súa dificultade e as súas ameazas” pero que hoxe celebramos con loanza: todas estas cousas pasarán, porque non son o que nos define; o que vén deste mundo non nos define. Hoxe reunímonos para proclamar a alegría da esperanza. A vida que a natureza nos dá ten os seus límites, pero sabemos que non imos desaparecer senón que hoxe celebramos quen somos realmente e que pertencemos ao Señor. A Aquel que deu a vida ao mundo entregando a súa carne, e que está connosco sempre. Celebramos unha esperanza inmensa que ilumina a vida, que non se perde, senón que está destinada a salvarse”.
“Neste día en que celebramos o Amor verdadeiro, o que dá vida, celebramos que ningunha circunstancia nos derrotará. O que a natureza nos pode quitar, non nolo pode quitar para sempre. O máis grande que temos non o perderemos nas mans do Señor”.
Finalizou a súa homilía pedindo ao Señor que “nos libere dos males do corpo e da alma, pidámoslle esperanza, fe do corazón, que permanezamos unidos a El: pidámoslle que, se caemos, nos recollan; que nos encha de amor, de caridade para estar a carón dos irmáns, e que nos axude a loitar cando sexa difícil a tarefa; que nos conserve unidos a El porque así non perderemos nada do que verdadeiramente nos importa” (…) e démoslle grazas pola esperanza coa que sostivo e acompañou a tantos nestes momentos de pandemia (…) pedímoslle e rezamos, dando grazas por estar connosco, porque nos consola e dános esperanza dunha vida definitiva”.
A celebración puido seguirse pola internet.