O vindeiro domingo, unha vez terminada a Pascua, celebramos a solemnidade da Santísima Trindade. Agora nos seminarios denominan á materia que trata do Deus Un e Trino como o Misterio de Deus. Así o é, un só Deus e tres persoas verdadeiras, Pai, Fillo e Espírito Santo.
Non imos agora a tentar explicar este misterio. Coñecemos de Deus o que El quere que coñezamos ou o que é necesario para a vida presente. Podemos ter a seguridade de que é abondo, aínda que ás veces, movidos pola curiosidade, gustaríanos saber máis cousas de Deus.
Pero si que podemos achegarnos a algunha consecuencia que ten para nós, como é a íntima relación perfecta das tres persoas divinas nas entrañas do mesmo Deus, e a grandeza dun Deus persoal que posúe todo o bo en grao infinito. Pois ben, este Deus ofrécenos participar da súa intimidade e da súa grandeza. Agora cáusanos algo de desconcerto porque non alcanzamos a comprender, pero ao mesmo tempo sentímonos en confianza con El pola súa infinita bondade.
O domingo da Santísima Trindade tamén celebran o seu día os monxes e monxas, que na clausura dos seus mosteiros tratan de vivir a imaxe do Deus trinitario: compartíndoo todo en fraternidade e cultivando en silencio a intimidade con Deus.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada