É pronto para extraer algunhas consecuencias sobre os resultados do 28 A no que poidan afectar á conciencia cristiá católica e á misión da Igrexa na sociedade española. Con todo, si se poden prever algunhas consideracións. Fronte á necesaria secularización da sociedade e á correcta laicidade, algúns analistas políticos falan xa dunha nova axenda laicista cargada de cristianofobia e mesmo de rexeitamento do fenómeno relixioso. Unha axenda que, se así fose, rompería a histórica moderación democrática (con excepción dos temas morais) coa que se conducíu o Partido Socialista até agora. A este respecto, convén lembrar, fronte a certo pensamento dominante, que segundo un recente estudo da revista Vida Nueva, o voto católico en España, atópase moi dividido entre os partidos de esquerda e de dereita. É útil, para comprender este tema a recente obra do profesor e xornalista José Francisco Serrano Oceja (A la caza del voto católico, Freshbooks, 2019). Nela, trátanse cuestións que estiveron e están moi vixentes durante estes días respecto ao intento dos distintos partidos políticos por atraerse o voto, dos case nove millóns de españois, que nos declaramos católicos a través do impreso da asignación tributaria.
A actual crise cultural e moral que atravesamos trae á actualidade cuestións que a doutrina social da Igrexa e o maxisterio pontificio propoñen como irrenunciables: a opción polos pobres e marxinados, a paz e a concordia, o valor supremo da persoa na súa dimensión personalista e comunitaria, a liberdade relixiosa, o respecto social, a protección da vida en todas as súas etapas, a familia, a liberdade de educación, a concepción da acción política desde a nobreza, a honradez política como servizo á xustiza, á misericordia e á reconciliación… A preocupación dos católicos non ha de centrarse soamente na xestión, senón nas conviccións profundas que dan sentido ao ser humano, á familia e á sociedade.
Outro elemento que chama a atención aos analistas é a desmoralización do político. Estamos administrados, din, por unha caste de políticos profesionais tecnócratas fundamentalmente cínicos. Pregúntome por que ao laicismo actual moléstalle tanto a familia de sempre, a que xerou tantos valores na historia, que educou aos seus fillos no amor mutuo, evitou a soidade e contribuíu ao desenvolvemento dos pobos como ningunha outra institución. Pregúntome por que dos acordos Igrexa-Estado o que máis lles doe a algúns é a mención explícita da Igrexa católica na Constitución, sendo esta maioritaria; e pregúntome finalmente por que se lles atragoa o peso histórico que a Igrexa ten na educación e na sanidade; estes e outros temas estarán sen dúbida na axenda: as cuestións relativas á ideoloxía de xénero, a lei da eutanasia, a enxeñaría xenética para unha sociedade acrítica que se deixará levar perigosamente cara ao abismo da desmoralización, o hedonismo (o mal chamado estado de benestar, xerador de soidade e infelicidade) e o relativismo (a negación da verdade ou a pos-verdade).
O sabio profesor J. L. Aranguren (Moralidades de hoy e mañana, Madrid, 1973) xa profetizaba que vivimos nunha cultura basicamente inmoral porque non busca seriamente a verdade e é mendaz, é dicir, que habitualmente, di mentiras porque se mentiu a si mesma dunha vez por todas, autoenganouse. Así, o político, permanece aprisionado pola ideoloxía do grupo ao que pertence e á que nin sequera se lle ocorre poñela en cuestión.
Será providencial, pero acábanme de enviar unha frase que din que é de S. Agostiño e que vén ao caso para estes tempos de Pascua nos que parecería que a barca estaría a piques de zozobrar: “Dicides vós que os tempos son malos, sede vós mellores e os tempos serán mellores: vós sodes o tempo”.
J. Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese