Fai uns poucos anos emerxeu das augas un novo continente. Se cadra non coñecían esta noticia e pensan que estou un pouco tolo ou de guasa.
O papa Benedicto XVI designou desta forma a todo o que ten que ver co tema dos medios de comunicación, internet, redes sociais etc. En realidade, estamos ante un continente novo, o “Continente Dixital”, ou “Sexto Continente”, que tamén necesita ser evanxelizado.
Neste Sexto Continente podemos atopar de todo, bo e malo. Pero tamén pode ser unha boa plataforma que nos achegue a Xesucristo e aos irmáns. Dicíao o mesmo Papa Benedicto na audiencia do 8 de maio de 2005: “Todo depende do modo no que veñen usados. Estes importantes instrumentos da comunicación poden favorecer o coñecemento recíproco e o diálogo ou tamén, pola contra, alimentar o prexuízo e o desprezo entre os individuos e os pobos; poden contribuír a difundir a paz ou a fomentar a violencia”. Malia o negativo dos medios de comunicación, eu sigo crendo que nos ofrecen moitas oportunidades, quizais máis aínda aos que teñen que vivir en lugares afastados das cidades ou vilas. Grazas a eles hoxe todos podemos escoitar unha conferencia sobre teoloxía, unha meditación espiritual, ler as mensaxes do Papa ou os bispos, ademais de poder escoitar (e ver) a misa dominical ou diaria.
A Misa na radio e a televisión
Un exemplo claro da importancia dos medios de comunicación na vida da fe, témolo na posibilidade de “asistir” a Misa a través destes medios, cando estamos doentes ou non a hai na nosa parroquia ou nunha parroquia próxima.
Agora existen moitas posibilidades e horarios, tamén para a misa diaria tanto na radio como na televisión, sen contar as canles de TV que existen en internet. No cadro que encabeza esta entrada veñen todas as opcións na Diocese de Lugo.
Miguel Ángel Álvarez
Cura da Fonsagrada
(Tomado de Falando Baixiño, nº 152)