En Monforte de Lemos decidiron recoller unha idea que saía repetidamente nos grupos do Sínodo: a necesidade de formación de laicos. E desde o pasado 21 de outubro está habendo encontros de formación quincenais, que seguirán ata xuño e aos que asisten 25 persoas. O primeiro encontro estivo dirixido por Ramón Piñeiro e tratouse sobre as tres dimensións básicas da vida cristiá: Anuncio (Kerigma), Culto-sacramentos (Liturxia) e Compromiso (Diaconía).
O segundo encontro (4 de novembro) tratou do diálogo-resposta evanxélica da Igrexa cos diversos tempos históricos, cuestión presentada por Antón Negro.
Na seguinte sesión de formación (18 de novembro) veranse as tres vocacións na Igrexa e o específico da vocación laical.
Decembro será un mes adicado á Biblia, e xaneiro á dimensión social da fe.
En febreiro tocaranse dous temas: responsabilidade misioneira do bautizado-confirmado e a oración cristiá.
Marzo adícase a temas litúrxicos: oración litúrxica da Igrexa, o ano litúrxico e o Triduo Pascual como eixo da fe.
Abril: catequese (para unha vida laical) na comunidade cristiá laical.
Maio: Antropoloxías contemporáneas (o home cibernético ou o home animal evolucionado) e antropoloxía cristiá.
Xuño: Liturxia e vida, contemplación e acción, Corpus e Cáritas. O último encontro servirá de revisión: o aprendido, as necesidades descubertas e qué facer no seguinte curso.