O Círculo das Artes de Lugo acolleu o 20 de febreiro a primeira das conferencias programadas nas Xornadas Abertas de Teoloxía. O historiador e lingüista Serafín Fanjul, foi enumerando a escritores estranxeiros que visitaron España e intentaban asimilar a poboación española á árabe, pero caendo, por exemplo en contradicións, como considerar que os españois herdaran tanto a “propensión á violencia” como a “suave tolerancia dos mouros”. Para Serafín Fanjul, “hai unhas moralexas de ideoloxía barata que non contribúen a dar unha imaxe real do país. Evidentemente, a orografía, o clima, a tecnoloxía, a tecnoeconomía conseguinte, todo iso son condicionamentos materiais verdadeiros que non contan para a maior parte dos viaxeiros. Pero estou seguro de que a psicoloxía social estaba máis relacionada con iso que con outras cousas”.
Sobre o tema da conferencia, Serafín Fanjul dixo que “nin na España musulmana nin na España de predominio cristián houbo unha convivencia modélica. O que houbo foi xustaposición de poboacións que máis ou menos se toleraban, cunha por riba das outras dúas. Nunha primeira etapa o predominio era musulmán e tiñan sometidos a cristiáns e xudeus facéndolles pagar máis impostos, someténdoos a unha gran cantidade de prohibicións, de discriminacións… Despois, cando se produce a Reconquista, tamén a discriminación é notable; por exemplo, obrígase aos xudeus e aos mudéxares (musulmáns) a levar signos distintivos na cabeza ou no ombreiro; prohibíaselles o uso de determinadas cores vivas (vermello, verde), de brocados, de bordados de ouro, calzado de calidade. Anteriormente, esa mesma prohibición ou moi semellante producírase no campo musulmán cos cristiáns.”