O día 24 de setembro o Papa Francisco dirixíase ao Parlamento de Estados Unidos en sesión conxunta do Congreso e do Senado. Cando o pasado 25 de novembro de 2014 o fixera no Parlamento Europeo, algúns dos nosos políticos opuxéranse á súa presenza alegando que non estamos nun estado confesional e, polo tanto, ausentáronse dos seus escanos. É máis, afirmaban que a súa presenza no Parlamento Europeo é «un claro ataque á necesaria separación entre relixión e institucións públicas e unha ofensa á laicidade de millóns de cidadáns».
Na carta aberta que o 13 de novembro de 2014 lle escribía Josep M. Bausset, monxe de Montserrat, á eurodiputada Marina Albiol facía referencia a moitos bispos, arcebispos e clérigos comprometidos coa esquerda e sendo varios asasinados, salientaba a cercanía do Papa con eles…. pero considero que o espírito democrático se manifesta non no respecto aos que comparten as nosas posturas senón aos que discrepan delas.
O feito de que un papa, bispo ou líder relixioso… teña un discurso no Parlamento non é ningún atentado ou ameaza ao estado laico, á separación de poderes, ao estado aconfesional… é propio dun estado democrático que queira facer leis xustas e por iso escoita aos que poidan aportar algo pola razón que sexa. Non é máis ca un respecto ás diversas opcións dos cidadáns e á aceptación da liberdade relixiosa.
Para entender cal é a razón desa oposición á intervención do Papa, véñenme á mente diversas hipóteses que poderían explicar dalgunha maneira este feito:
-Non soportar a discrepancia coas propias posicións políticas, culturais; ou económicas… e en consecuencia haberá que reprimilas e excluílas da vida pública.
-Entender que as propias conviccións non son válidas ante os que teñen outras opcións de vida, e para iso o mellor é non escoitalas.
-Negarse a contrastar as nosas conviccións con outras por medo ao conflito que poida xurdir na propia vida, ou a que non se teñan respostas válidas ás cuestións que se poidan poñer sobre a mesa.
-Non estar educados na cultura do diálogo como forma de superar as diferenzas mutuas nunha síntese superior, ou que leve a afondar un pouco máis nos coñecementos xa adquiridos.
-Pode ser que non se sexa consciente que arredor do 90% da humanidade se declara crente, e que detrás de cada civilización hai unha concepción relixiosa que se expresa nunha serie de valores culturais e políticos.
-Tamén podería ser que se queira impoñer autoritariamente a propia filosofía e cultura a toda a sociedade, e para iso mellor que non coñezan outras filosofías e culturas.
Entendo que as motivacións poden ser máis amplas e distintas das enumeradas e mesmo que se racionalicen con éxito social. Para pensar pode ser suficiente coas expostas.
Agora quero rematar cunha cita da intervención do Papa no Congreso de Estados Unidos que pode sernos de utilidade:
«Combater a violencia realizada en nome dunha relixión, unha ideoloxía ou sistema económico e, ao mesmo tempo, protexer a liberdade das relixións, das ideas, das persoas e require un delicado equilibrio no que temos que traballar»
«Se é verdade que a política debe servir á persoa humana, conclúese que non pode ser escrava da economía e das finanzas (… ) En momentos de crise e de dificultade económica, non se pode perder o espírito de solidariedade internacional».
Antón Negro