Ser humano… ser cristián

Permítanme hoxe a tono autobiográfico que manda no que escribo. Seguramente máis dun de vostedes verase tamén reflectido nalgunhas destas liñas.

De mozo lin con avidez La alternativa cristiana, de José María Castillo. Ese libro abriu ante min un horizonte utópico que aínda hoxe axuda á miña propia reflexión vital.

Dun xesuíta, vou pasar a outro: o Padre José Julio Martínez, da man do cal ingresei como Cruzado da Eucaristía aos nove anos no Colexio da Armada, Salvador Moreno, (hoxe Juan Sebastián Elcano).

Tradición e modernidade foron perfilando a miña experiencia cristiá, foron moldeando a miña vivencia relixiosa, a miña experiencia de fe.

Recordo, con gratitude, aos meus pais ensinándonos a rezar, rezando connosco… cada noite antes de durmir, cada tarde o Rosario, cada fin de semana na Misa Dominical.

Andariamos polos nove anos cando o meu amigo Luqui e mais eu iamos camiñando ao colexio un día deses escuros de diluvio pontevedrés. Iamos coas nosas boas botas, gabardinas, paraugas… Pola estrada de Mollabao, no medio daquel diluvio, un home de mediana idade na súa bicicleta. Intuímos ía camiño do traballo… empapado, empuxado de lado a lado da calzada pola auga e o vento, desprotexido… Eu pensei, por que uns temos todo o necesario e outros carecen en grao sumo do básico para sentirse seguros e realizados. Co tempo ancorei nese acontecemento da miña infancia as miñas grandes preguntas acerca da xustiza, a igualdade, a transformación da sociedade e co tempo tamén descubrín a indisoluble relación entre a Eucaristía, a Mesa do Pan e o Viño, e a Xustiza. Algo que xa albisquei de neno da man do Padre José Julio. Esa Xustiza que é a que Deus quere, esa Misericordia que é o Deus mesmo. Co paso dos anos fíxenme cargo da necesaria unión entre a palabra e a acción, a oración e o compromiso. Aquilo de ora et labora. Non cabe un cristianismo sen espiritualidade, pero, cabería unha espiritualidade sen consecuencias prácticas para a acción, para a vida humana?

Só temos que fixarnos en Xesús de Nazaret, o noso Modelo e Irmán Maior, sempre en contacto co Pai, sempre ao servizo dos seus irmáns, dos seus amigos, de todos nós.

Preguntábase o Catecismo que estudabamos de pequenos, que é ser cristián, ao cal a resposta era: ser cristián é ser discípulo de Cristo, o noso Mestre e Salvador. Iso é ser cristián.

Coa Resurrección de Xesús, Deus mesmo aválao, dálle a razón, ratifícao fronte aos que o matan, fronte ás estruturas inxustas, fronte á intransixencia, a intolerancia, os desmáns do poder.

En Xesús de Nazaret vemos a Deus, claro, pero tamén vemos ao home, ao paradigma do ser humano implicado no coidado dos demais, exemplo do irmán próximo e sempre dispoñible para co necesitado e o excluído, o marxinado.

En Xesús conflúe todo o máis humano, o máis xenuíno do humano. Nada en Xesús é estraño ao humano, nada no cristián debería selo.

Queque Bayo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: