O 2 de setembro, Cáritas Diocesana de Lugo, Aliad-Ultreia e a asociación Enriqueta Otero realizaron un acto público de sensibilización contra a trata de persoas. Dúas tendas de Lugo, nas rúas Raíña e San Pedro, cederon os seus escaparates para que unha actriz representase ás vítimas de explotación sexual: a súa angustia, impotencia, desolación; mostrando unha última mensaxe: “En Lugo, hai trata de persoas”.
A reacción do público congregado ante a posta en escena que levou a cabo a actriz de Palimoco Teatro, Ángela Beltrán Álvarez, foi filmada para ser mostrada dentro dos actos da III Xornada contra a trata, que terá lugar en Lugo o próximo 19 de setembro na Facultade de Humanidades.