O 8 de maio, 60 seminaristas menores da Diocese de Lugo, acompañados por algúns dos seus profesores e formadores, visitaron o Parlamento de Galicia.
Durante as tres horas que durou a visita os seminaristas tiveron a posibilidade de coñecer os distintos lugares do Parlamento, desde o Salón dos Reis até as salas de reunión dos grupos políticos. Desde a zona de invitados presenciaron parte do debate que se estaba levando a cabo no Salón de Plenos.
Durante a súa visita, os seminaristas estiveron acompañados polos deputados Román Rodríguez e Marta Rodríguez, ambos da provincia de Pontevedra, María Seoane da provincia da Coruña e os lucenses Damaso López, María Lourdes Yáñez, María Emma Álvarez e Jaime Castiñeira.
O Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo quixo recibir aos seminaristas no Salón dos Reis. Alí compartiu con eles máis de media hora e animounos a “estudar, formarse ben e apostar polos valores que emanan da fe cristiá e que son un alicerce básico da nosa sociedade”. Igualmente lembroulles a importancia da “Igrexa católica polo gran labor que realizou e segue realizando en favor da humanidade” e instounos a que buscasen “sen descanso a súa vocación a través do comprender e do saber e non do ter”. “E que saibades -asegurou Núñez Feijóo- que ten máis valor un cura dunha pequena parroquia rural que un presidente da Xunta”.