Ordenación diaconal de Nicolás Susena

Nicolás Susena Presas será ordenado diácono o 4 de xuño ás 18:30h na igrexa da Milagrosa, Lugo. Nicolás Susena naceu en Lalín en 1992. Fixo os seus estudos de secundaria e bacharelato no IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín). Bacharel en Teoloxía pola Universidade San Dámaso, actualmente estuda o Máster en ciencias do matrimonio e a familia no Pontificio Instituto Juan Pablo II en Madrid.

O diácono administra o Bautismo, reserva e distribúe a Eucaristía, asiste ao Matrimonio e bendíceo en nome da Igrexa, leva o Viático aos moribundos, le a Sagrada Escritura aos fieis, instrúe e exhorta ao pobo, preside o culto e a oración dos fieis, administrar os sacramentais, preside o rito dos funerais e da sepultura.

CELEBRACIÓN

Na Eucaristía, trala proclamación do Evanxeo, ten lugar a ordenación diaconal. O candidato será presentado e proposto ao Bispo que, despois da homilía, preguntará ao candidato sobre a súa intención e este prometerá ante todo o pobo cumprir o seu ministerio segundo os desexos de Cristo e da Igrexa e baixo a autoridade do Bispo. Invocarase seguidamente a todos os santos nas ladaíñas, mentres o candidato permanece prostrado no chan.

O momento central da ordenación vén a continuación, coa imposición de mans e a pregaria de Ordenación do Bispo. Unha vez terminada a pregaria, o candidato é xa diácono e revestirase cos seus ornamentos propios sobre a alba: a estola cruzada e a dalmática. Entrégaselle o libro dos Evanxeos como expresión da súa función diaconal de proclamar o Evanxeo nas celebracións litúrxicas e de predicar a fe de palabra e de obra.

 

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 30 de maio ás 18:30h na Aula Magna do Seminario Diocesano preséntase o último número da revista Lvcensia.

Durante a presentación intervirán o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco, o director da publicación D. Gonzalo Fraga e D. Ricardo Polín, investigador que falará do Hospital de San Gabriel en Vilabade (Castroverde).

Lvcensia súmase ás homenaxes tributadas a dúas entidades identificativas da cidade: C. B. Breogán e La Voz de Galicia, e lembra os descubrimentos de José Mª Penado en Santa Eulalia de Bóveda, hai 100 anos.

Nicandro Ares escribe sobre o hidrotopónimo Fondemera, o apelido toponímico Lestegás e o microtopónimo Penalumbre. Outro topónimo obxecto de estudo é o da Mosquera por parte do historiador Abel Vilela.

Sobre as tríades nas lendas da comarca do Deza escribe García Porral. E continúa a segunda parte do artigo de López Caldeiro sobre a vida cotiá en Vilartelín durante o Antigo Réxime. Tamén neste número ten continuación o tema dos conventos dominicos da Diocese de Lugo, que agora se centra no convento da Nosa Señora de Pantón e o convento de San Jacinto de Monforte de Lemos, un traballo de Prudencio Leza Tello e Pérez Formoso.

Outro tema tamén interesante é o da onomástica do bautismo no arciprestado de Bolaño estudado por Tamara González López.

Neste número David Varela reflexiona sobre as Xornadas de Teoloxía, que este ano invitaron a profundar na relación entre o cristianismo e o islam.

Lvcensia lembra o labor da lucense Teresa Losada f.m.m., coñecida como a monxa dos inmigrantes.

Gonzalo Fraga recorda neste número o valioso traballo dos segrares ao servizo da Catedral de Lugo. E José Molejón fálanos da capela musical.

Pechan a revista poemas do sacerdote Enrique Saavedra Lastra dedicadas ao Corpus lucense.

Xornada de Portas Abertas do Seminario Menor

O sábado 29 de abril, de 11:30h a 13:30h, o Seminario Menor Diocesano celebra a II Xornada de Portas Abertas deste curso. Está dirixida ás familias e aos rapaces interesados no coñecemento do Seminario Menor, así como a calquera outra persoa desexosa de achegarse a esta realidade diocesana. Será un momento para dar a coñecer a proposta educativa, as instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria, alguhas das actividades e proxectos que se realizan ao longo do curso…

A Xornada comezará cun saúdo e presentación na Aula Magna (acceso dende o vestíbulo principal) e logo unha visita ás instalacións do Seminario Menor, con algunhas paradas en sitios puntuais para a explicación dalgunhas das actividades e dos ritmos de funcionamento do Centro. A asistencia é libre, e non é necesario confirmala previamente.

Con esta II Xornada de Porrtas Abertas -despois da I convocada para febreiro- o Seminario quere achegarse ás familias que están nesta época pensando no Centro de ensino para os seus fillos no próximo curso ou máis adiante no tempo, permitindo un coñecemento de primeira man do lugar e do proxecto educativo.

A reserva de praza no Seminario Menor está xa aberta, sendo posible informarse ou cumplimentar o impreso de reserva na Recepción do Seminario Diocesano (Av. Anxo López Pérez, s/n) de luns a venres de 08:30 a 14:00 h. e de 15:30 a 20:30 h.

[Máis información sobre a matrícula]

Día do Seminario

 O Seminario Menor do Sagrado Corazón e da Inmaculada conta este curso co 46 alumnos, dos que 29 son residentes, e 17 mediopensionistas, que fan os estudos de ESO e Bacharelato. No Seminario Maior da Sagrada Familia e San Lourenzo están preparándose para ser sacerdotes 6 seminaristas.

 Neste curso hai 9 alumnos procedentes da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e 6 do Seminario Misioneiro Redemptoris Mater (Camiño Neocatecumenal).

 O lema deste ano, «Preto de Deus e dos irmáns», pon de manifesto que a tarefa do sacerdote, estar preto de Deus e preto dos homes, vénlle dada pola súa identificación con Cristo. A proximidade a Deus acrecéntase coa oración e os sacramentos. A proximidade aos irmáns realízase no propio labor pastoral, no acompañamento das persoas que se lle confía, e na oración e celebración dos sacramentos coa comunidade.

Portas Abertas do Seminario Menor para as familias

O sábado 4 de febreiro terá lugar a primeira das dúas xornadas de “Portas Abertas” deste curso, dirixidas ás familias ou outras persoas interesadas en coñecer de cerca o Seminario Menor, a súa proposta educativa, as súas instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria… Haberá unha primeira presentación e saúdo no Salón de actos e logo unha visita guiada ás instalacións, coa presentación dalgunhas actividades e proxectos que se realizan ao longo do ano. Finalizarase cun breve aperitivo que sirva tamén para o diálogo cos profesores presentes na xornada e para formular calquera pregunta.

Neste curso 2016-2017 o Seminario Menor iniciou o contacto con Be Education, unha realidade educativa impulsada e sostida polo colexio San Ignacio de Loyola (Torrelodones). Coas innovacións, cambios e ferramentas que se incorporen, contribuirase a unha mellor presentación da identidade e proposta como Seminario.

[O Seminario, onte e hoxe]

A %d blogueros les gusta esto: