Xesús, o Señor, ensinounos como “partir” o Pan da Mesa para ser “compartido”.
Non nos furtou o seu propio Venres Santo, acompañando e fortalecendo así o sufrimento humano, e iluminándoo co resplandor da súa Resurrección. Non nos priva da “noite escura”, de tantas noites escuras, e si nos acompaña nela e nelas.
Como todas, tamén esta inminente Semana Santa ofrécenos a graza de poder contemplar a Cristo en tantos xestos que nos deixou como sinal da súa vida e da súa entrega, da súa Redención.
Estamos nun percorrido por un camiño de transfiguración persoal e eclesial mediante a escoita daquel que nos fala; de austeridade, sabendo renunciar ao superfluo e utilizando ben os bens necesarios; de compartir o mellor de nós mesmos e xaxuando de todo aquilo que nos distancia e enfronta.
Celebremos esta Semana Grande da nosa fe participando nos oficios propios da Semana Santa, e vivenciando unha vez máis o gozo do Resucitado na celebración da Vixilia Pascual e do Domingo de Resurrección.
Parroquia do Bo Pastor, Lugo