No segundo día das Xornadas correspondeulle intervir a Juan Carlos Fernández Menes, profesor do Centro Superior de Estudos Teolóxicos de León. O título do seu relatorio foi “Recibir o Concilio. 50 anos despois”. Comezouse dicindo que o Vaticano II tivo unhas dimensións “físicas” grandes, con 3.500 participantes directos e unhas intervencións que, sen estar todas recollidas, xa suman máis de 50 volumes. A súa razón convocante era presentar o Evanxeo de sempre aos homes e mulleres da época contemporánea. Tocáronse temas inéditos, como a escandalosa pobreza de parte da humanidade.
Xoán XXIII deu unha gran sorpresa: reúne a un grupo de cardenais para anunciarlles “catro cousiñas”, pero unha delas era nada menos que a convocatoria dun concilio. E convocouse, non cuns fins explícitos, porque a idea era posibilitar unha gran participación, como así foi.
Respecto aos resultados, Juan Carlos Fernández Menes destacou varios: a Igrexa supera a Idade Media e entra na modernidade, hai unha reflexión sobre a Igrexa mesma pero mantendo a Cristo como o eixe central. Aínda que para algúns quedou a medio camiño e para outros, traicionou a tradición católica. En realidade supuxo un intento de renovar a forma de presentar a mensaxe evanxélica dunha maneira comprensiva e convincente.
Novidade formal: propón unha nova forma de pensar, non someténdose a ningunha filosofía e tendo máis en conta, por exemplo, aos Padres da Igrexa.
Novidade nos contidos: sen engadir nada á revelación de Deus, recupera aspectos esquecidos; é unha chamada a recuperar a identidade orixinal.
Un dos méritos do Vaticano II está en saber ler con profundidade os signos dos tempos.