Publicacións Diocese de Lugo vén de publicar Colección Diplomática II (857-1380) de Ventura Cañizares del Rey. A edición da obra corre a cargo de Óscar González Murado e Manuel Rodríguez Sánchez. Ventura Cañizares, párroco en Lalín e coengo en Lugo, deixou unha excelente colección manuscrita de centos de documentos transcritos.
Tras escribir hai uns anos Guía práctica de almas espirituales, Manuel López Paradela publica agora unha segunda parte, co subtítulo de “Mística” e cos seguintes capítulos: “Crecemento en perfección polas virtudes”, “Disposicións para vivir en santidade”, “A purificación espiritual”, “Medios de santificación”, “Diversos grados de oración”, “O Espírito Santo e os seus dons”, “Grandes devocións da piedade cristiá” e “As benaventuranzas”.
Outro autor que saca á luz unha segunda obra é David Corral. Tras facer un amplo estudio sobre a súa Parroquia natal (Trobo, terra e xente), presenta agora un novo libro sobre a Parroquia limítrofe de Gaibor, tamén preto de Lugo. Fala da súa historia, do seu patrimonio artístico e cultural, e conclúe cunha reflexión máis xeral sobre a Parroquia rural galega e os elementos que a configuran.