A Igrexa celebrou o quinto domingo de Coresma, xa coa perspectiva da Semana Santa, a máis importante do ano litúrxico. E hoxe, día de precepto para os católicos, celebramos a solemnidade de San Xosé, esposo da Virxe María, “varón xusto, nacido da estirpe de David que fixo as veces de pai para co Fillo de Deus“. A Igrexa venérao con especial honra como patrón, a quen o Señor constituíu sobre a súa familia“ (Do Martiroloxio Romano). Estas palabras expresan con claridade a paternidade de Xosé (PP, daí o hipocorístico Pepe que segundo unha estendida etimoloxía popular sostén que provén das siglas da definición de Pater Putativus) asociada tamén á súa misión na Igrexa, cuxa paternidade é exercida de modo particular a través dos sacerdotes, quen han de animar a fe e a esperanza nas promesas de Deus ao seu pobo. Así, do mesmo xeito que Xesús neno foi confiado ao coidado de Xosé, tamén o Señor pon hoxe ante nós o coidado dos sacerdotes para que poidamos crecer, do mesmo xeito que o neno Xesús cos coidados de Xosé e María, en sabedoría e graza ante Deus e os demais.
Aínda que é verdade que os sacerdotes do futuro xóganse un rol social cada vez menos irrelevante, tamén é certo que o líder (sacerdote) cristián do futuro non terá que preguntarse tanto sobre a eficacia dos resultados pastorais conseguidos canto a súa calidade de representante de Deus na existencia humana. Cada día é maior o número de persoas que sofren de soidade, de abandono, de falta de amizade e de compañía. Seres humanos con profundas minusvalías morais e espirituais, sen referencias claras onde poder atopar compañía, sanación e curación. Perfílase con claridade a necesidade de “xentes de Deus“, arraigadas e enraizadas no corazón misericordioso de Deus, que coñecendo a mística do divino, saiban acoller, escoitar, perdoar e acompañar, e sexan capaces de saír ao encontro dos necesitados revelando, só coa súa presenza e sen complexos, que Deus é amor.
“Apóstolos para os mozos“, é o lema que este ano se nos propón para a celebración do día do Seminario. Non está mal. Os estudos estatísticos máis recentes, entre eles o da Fundación SM, manifestan a necesidade dun achegamento entre mozos e relixión. Hai unha tendencia ao descenso de mozos crentes, e unha crecente desvinculación da Igrexa e doutras institucións. Debemos reflexionar por que, na sociedade da hiperconectividade, unha maioría de mozos desconecta da Igrexa. É unha tristeza que moitos dos nosos mozos, bos e próximos por natureza, e falo pola miña longa experiencia na Universidade, tendan a salvarse na súa soidade e no océano da incerteza. Quédanos o consolo de que Deus nunca abandona á súa Igrexa. Pero a uns e a outros, a pais e mestres e especialmente aos sacerdotes, deben preocuparnos os herdeiros. San Xosé, a quen veneramos con respecto e admiración, é modelo de santidade e entusiasmo educativo en tempos difíciles.
A este santo exemplar, cuxo nome levamos con tanto orgullo Pepas e Pepes do mundo enteiro, encomendámonos contemplando as súas belas imaxes na nosa Catedral. Entre outras, cito dúss: unha bela iconografía no lateral esquerdo do coro de Simón de Monasterio e de Francisco de Moure (1621-1624) e outra, no altar de San Xosé, do escultor madrileño F. Javier Meana, cuxa preciosa imaxe de mirada compracente levando da man ao Neno Xesús riseiro, invita á pregaria e á contemplación. Felicidades.
José Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese