Unión Eucarística Reparadora – Marías dos Sagrarios e as Misioneiras Eucarísticas de Nazaret invitan aos fieis de Lugo a participar, na Catedral, na Eucaristía das 20h do 4 de xaneiro, festividade de San Manuel González.
Con motivo desta festa, traemos aquí a semblanza que fixo José Lebón do santo:
É doado presentar a San Manuel González, “Bispo da Eucaristía”. A súa forte personalidade polifacética: como sacerdote; como fundador; como catequista; como escritor; como heraldo e misioneiro da Eucaristía.
A súa vida e a súa actividade poden condensarse e unificarse nesta frase dun dos biógrafos: ” …móstrasenos como unha perfecta testemuña de Xesucristo, como un acabado modelo de heroica fe eucarística”.
Nestas liñas, sinalemos unhas pequenas notas biográficas, deixando para outro momento outros aspectos interesantes da súa vida.
O 25 de febreiro de 1.877, nace en Sevilla o penúltimo dos cinco fillos que o piadoso matrimonio Martín González Lara e Antonia García Pérez regalan ao mundo. Tres días despois é bautizado na parroquia sevillana de S. Bartolomé e póñenlle os nomes de MANUEL Jesús de la Purísima Concepción, Antonio Félix deb la Santísima Trinidad. Sempre será nomeado co nome de “Manuel”. Agora San Manuel González!!.
En 1886, cando tiña 9 anos recibiu a “Primeira Comuñón” de mans do seu tío Cóengo da Catedral de Sevilla e poucos meses despois a “Confirmación”.
No colexio de San Miguel aprende as primeiras letras e admíteselle como “seise” (“corista” ou cantor da catedral) pola súa afección á música, o seu fino oído e a súa voz vibrante.
Aos 12 anos, en 1889 ingresa no seminario con bolsa para os seus estudos, polas súas boas notas e por ser de familia pobre.
Realizados brillantemente os seus estudos eclesiásticos nos anos 1900 e 1901 recibe todas as “ordes” e o presbiterado de mans do Beato Spinola.
Os primeiros anos da súa vida pastoral dedícaos á cidade de Sevilla (1.901-1905) simultaneando o seu labor coa predicación en varias “misións”. Unha delas en Palomares do Río, onde fortemente impresionado pola soidade e abandono do seu sagrario, é cando toma a firme resolución de dedicar todo o seu sacerdocio a ser apóstolo dos SAGRARIOS ABANDONADOS. El cóntanos dunha forma sinxela e vivencial a súa impresión desoladora
“…Fun dereito ao sagrario…Que Sagrario, Deus meu… alí de xeonllos… vía a un Xesús abandonado, calado, tan paciente, tan desairado, tan bo, que me miraba… naquel intre de Sagrario entrevín para o meu sacerdocio unha ocupación que antes non soñara”.
Os residentes do Asilo das Irmanciñas dos Pobres de Sevilla, onde desde 1902 a 1.905 exerce de capelán, lamentan e choran o seu cese como capelán, porque D. Manuel é nomeado cura da parroquia de San Pedro de Huelva e tenos que abandonar. Alí entusiasma ao pobo e permanece ata finais do ano 1.915.
Nesta localidade recibe a noticia de que o Papa Benedicto XV nomeouno Bispo, sendo consagrado como tal o 16 de xaneiro de 1.916 aos 38 anos. Primeiro como Bispo Auxiliar de Málaga (1916-1.920). Máis tarde será o bispo residencial (1.920-1.935) onde se distingue como celoso Pastor, Pai bondadoso, amigo de todos, gran cura de almas e excelente promotor da devoción eucarística.
O Papa Pío XI, noméao para o último cargo que desempeña como servidor da Igrexa: Bispo de Palencia (1.935-1.940), onde segue coa mesma dedicación á diocese palentina, como a tivera na súa querida Málaga.
O 4 de xaneiro de 1.940 falece aos 63 anos de idade, gozando de gran fama de santidade. A súa última vontade: ser enterrado na Capela do SAGRARIO da catedral de Palencia: “…Pido ser enterrado xunto a un Sagrario, para que os meus ósos logo de morto, como a miña lingua e a miña pluma en vida, estean sempre dicindo aos que pasen: aí está Xesús!! aí está!! non o deixedes abandonado!!.
En outubro do 2.016, o Papa Francisco canonízao e destaca o seu labor eucarística.
José Lebón Sánchez
Cóengo S.I. C.B. e Capelán de quenda