San Froilán, o santo e a festa

Portada do libro “San Froilán. Culto e Festa” (detalle)

Unha das diversas obras recompilatorias da vida e obra do noso santo patrón, chámase San Froilán, Culto e Festa. Este libro é tamén un catálogo da exposición do mesmo nome celebrada na cidade de Lugo entre os meses de setembro e decembro de 2006. Alí, recóllese unha relación das pezas da exposición e varios estudos referentes á vida do santo, a evolución do seu culto e, entre outros, á historia das festas de san Froilán.

Sempre é ben lembrar as vidas exemplares para aprender delas e imitar a tan significativos persoeiros. Entre os grandes santos que acuñaron histórica e espiritualmente a Igrexa lucense destaca, pola súa personalidade e carisma, san Froilán, Froilano ou Flaiano. Este santo atraía, co seu perfume de santidade e con centos de tentáculos, tanto coma o popular cefalópodo, a numerosos grupos de seguidores. Mozo estudoso e rezador na Escola e na Capela Maior da Catedral de Lugo, progresaba axeitadamente mentres madrugaba cada mañanciña, para facer con ilusión e mirada esperanzada, o camiño que separaba a Basílica do seu fogar natal no Regueiro dos Hortos.

Santo que se atrevía a buscar, descubriu, nas entrañas de espiritualidade cristiá, como se esvaece o desvarío e o engano cando se descobre que para ser feliz somente é necesario deixarse querer por Deus. O amor ao Creador levouno por novos camiños. Soubo admirarse ante as grandezas da nai natureza, da obra creada, dos paxariños e dos animais, e ata foi capaz de facer amizade cos lobos; algúns inimigos, ben tratados e perdoados, aínda que che coman o burro, poden chegar a converterse en fieis compañeiros da vida.

Polos camiños das montañas, en dirección a León, ía fundando e repoboando comunidades de vida e de fe, de fraternidade e de traballo compartido na pregaria e na interioridade de cada xornada.

A maxia da santidade fai milagres. Aclamado bispo de León é venerado en Lugo na S. I. Catedral, especialmente na sua capeliña de estilo neoclásico de Miguel Ferro Caaveiro. Pero tamén é honrado, desde 1891, nunha das históricas parroquias intramuralla do centro da cidade de Lugo.

Este santo profeta a quen Deus lle revelou ata o día e a hora da súa morte, segue vivo na memoria dos lucenses e intercede por nós, pola nosa cidade e Diocese: “Tanto pudera a fe do boo Froilán, que sempre os patrios ecos nomearán” (Eduardo Pondal)

Chove en Lugo. San Froilán regou de novo os seus hortos. Sempre se debe volver a Lugo cando sosega o tempo nos solpores das festas que agradecen os prodixios do santo Froilán.

 

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: