San Francisco de Asís

Imaxe de S. Francisco de Asís na igrexa dos PP Franciscanos (Lugo), onde Mons. Alfonso Carrasco preside a Eucaristía o día 4 ás 19.30h

 

O 4 de outubro é a data elixida pola Igrexa para celebrar a memoria dun santo singular, home de paz, home de amor, cun concepto de vida místico baseado fundamentalmente na tenrura, na misericordia de Deus. Chamábase Francisco e era de Asís.

Faleceu o 3 de outubro do ano 1226, na véspera xa do día catro, por iso celebramos a súa festa o día catro. Din que morreu como viviu, cantando, buscando sempre esa esencia do divino en todo o creado, até o punto de compor o fermoso Cántico das criaturas, onde dá grazas a Deus por todo o creado, chamando irmán ao sol, irmá á lúa, irmáns e irmás a todas as criaturas, un concepto de fraternidade universal.

Na diocese de Lugo houbo presenza franciscana multisecular, desde hai séculos, aínda que é certo que nestes tempos viuse reducida a dúas presenzas, unha pequena fraternidade na mesma capital lucense, atendendo a igrexa homónima de San Francisco e o colexio dos Franciscanos e unha presenza tamén na beira do Camiño de Santiago, no Santuario de Santa María Real de O Cebreiro, atendendo tamén diversas parroquias do ámbito rural nesa contorna da montaña de Lugo.

“Paz e ben” é o saúdo franciscano, esa paz que tanto necesita o mundo, esa paz que se constrúe precisamente na medida en que nos comprometemos en facer o ben que non deixa de ser, senón unha expresión mesma do amor de Deus en quen cremos.

Frei Francisco Castro Miramontes

[Escoitar texto en castelán na voz do autor]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: