A celebración eucarística do Corpus Christi, adornada coa presenza silenciosa de fieis das parroquias da cidade, vestida de gala e coloreada de branco cos nenos da primeira comuñón, remóntanos ao clima espiritual do Xoves Santo, o día en que Cristo, na véspera da súa paixón, instituíu no Cenáculo a santísima Eucaristía. Deste xeito, o Corpus Christi constitúe unha renovación do misterio do Xoves Santo, co fin de obedecer á invitación de Xesús de proclamar ao mundo aquel misterio da última Cea que revelou na intimidade aos apóstolos.
Na liturxia do día da solemne festa do Corpus Christi cántase na secuencia o seguinte refrán: “é certeza para os cristiáns: o pan convértese en carne, e o viño en sangue”. É por iso festa singular que constitúe unha importante cita de fe e de loanza para toda a cristiandade pero con especial devoción e tradición na cidade e na Diocese de Lugo. Na exhortación postsinodal á que fai referencia o título deste artigo lembraba Bieito XVI que o misterio eucarístico “é o don que Xesucristo fai de si mesmo, revelándonos o amor infinito de Deus para cada ser humano” (SC,1).
A celebración, durante este ano, dos 350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo (1669-2019) contribúe a enaltecer a inmemorial devoción ao Santísimo na nosa cidade. A exposición conmemorativa que percorre as sete capitais de provincia do Antigo Reino de Galicia mostra datos e documentos dos nosos arquivos lucenses que poñen de manifesto o tesouro relixioso, cultural e social que se xerou a través de tres séculos e medio de historia pola antiquísima tradición que xurdiu aquí para a defensa da fe na presenza real de Xesús Sacramentado.
Existe tamén outra antiga tradición eucarística na nosa Diocese que vén desde o século XIV, confirmada por fontes históricas e arqueolóxicas. Refírome á do Cebreiro. Esta fermosa historia relata que un sacerdote cando celebraba a Eucaristía pensaba que naquel cru inverno (como todos os invernos do Cebreiro) no que a neve se amoreaba e o vento aumentaba, ninguén se achegaría á celebración da Santa Misa. Pero equivocábase o sacerdote. Juan Santín, labrador de Barxamaior chegou exhausto até o Mosteiro para participar na celebración. O celebrante, de fe titubeante, non soubo valorar abondo o sacrificio daquel campesiño nun día tan intempestivo. No momento da consagración decátase e ve, cos seus propios ollos, como a Hostia santa convértese en carne sensible, e o contido do cáliz, en sangue que latexa e tingue de vermello o mantel do altar. Asombrado, o sacerdote preguntábase que era aquilo que vían os seus ollos.
Quixo así o mesmo Xesucristo fortalecer a débil fe daquel monxe pero tamén a de todos. Foi un milagre asombroso. O grandioso é que hoxe segue sucedendo en cada celebración eucarística, en cada primeira comuñón, en cada ser humano que se achega con fe á Eucaristía ou en cada un que, necesitado de confianza, dúbida ou mesmo se mofa da fe dos crentes. A noticia do milagre estendeuse por todas partes xerando unha renovada devoción á Eucaristía. Hoxe, con fe renovada proclamamos firmemente estas verdades. E seguiremos dicindo, desde sempre e para sempre: Viva Xesús Sacramentado!
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese