O día vinte e dous de maio, os sacerdotes do Arciprestado de Chantada, que coincide coa Comarca conformada por tres concellos (Carballedo, Chantada e Taboada) fixeron unha peregrinación á parroquia de Santa Eulalia de Suegos (Pol), a terra natal de San Xosé María Díaz Sanjurjo. Era unha emotiva maneira de celebrar a clausura dos retiros espirituais e a formación permanente do clero que se realizaron neste curso pastoral. Participaron dez sacerdotes acompañados por José Lebón Sánchez, moi querido polos cregos da zona de Chantada. Foron recibidos con agarimo por Jesús Trigo López, natural de Suegos e párroco desta comunidade. Visitaron a casa natal do santo e foron acollidos moi afablemente polos familiares do mártir do Tun-King, conversando sobre a xenealoxía do santo e sobre algúns detalles desta familia. A continuación houbo un breve retiro e a Misa concelebrada por todos. Como final, no templo, rezouse ante a imaxe do santo dando grazas a Deus e presentándolle as coitas de cadaquén. Presidiu todos estes actos o Delegado Diocesano de Clero e párroco de Meira, Miguel Asorey Otero que nos acompañou a ver o Pedregal de Irimia, berce do río Miño, visitar a igrexa de Santa María de Meira, que foi mosteiro cisterciense do ano 1142, o segundo máis antigo da Orde en Galicia despois de Oseira 1137. Terminouse o entrañable encontro cunha comida de fraternidade na localidade de Mosteiro.