O secretario xeral da Conferencia Episcopal (CEE), Mons. Luis Argüello e o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura, Mons. Alfonso Carrasco, ofreceron o 23 de outubro unha rolda de prensa para informar sobre a recepción do Pacto Educativo Global nun contexto español de cambios lexislativos.
Mons. Luis Argüello presentou o Pacto Educativo Global que ofrece o Papa Francisco e sobre España afirmou que “hai unha base importante para o Pacto Educativo co artigo 27 da Constitución Española”.
O presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura, Mons. Alfonso Carrasco, bispo de Lugo, presentou a proposta entregada ao Goberno. “Nós procuramos buscar un diálogo coas autoridades educativas para abrir camiños e ancorar ben todo o que significa a educación moral da persoa e a súa dimensión relixiosa. A idea é que todos os alumnos teñan unha área, un espazo para a dimensión persoal e de moralidade” subliñou Carrasco Rouco.
A proposta “é sinxela e pode permitir un diálogo. É o desexo de abrir camiños para saír dunha situación de dificultade e discusión perpetua sobre como situar unha materia de relixión católica. Ten que haber un ámbito referido á persoa na que pode haber varios itinerarios, pero un ten que ser o que respecta a educación católica”, comentou Mons. Alfonso Carrasco.
Para o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura “a proposta integra a dimensión educativa no seu conxunto. No fondo a idea principal, na que eu creo que podemos concordar todos, é que no ámbito educativo debe haber un espazo específico para o estudo da dimensión persoal que afecte á comprensión dos valores, da moralidade, das crenzas, ao desenvolvemento da persoa como tal. Excluír un ámbito referido aos valores morais sería un grave erro”.
“Queremos integrar un ámbito de educación, en primaria e secundaria, relativo a todo este mundo de valores persoais. Non ten sentido unha educación utilitarista pero que non educa á persoa” continuou o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e cultura da CEE. Deste xeito, os bispos propuxeron “integrar un espazo obxectivo, un ámbito, igual que hai en Ciencias Naturais, en Primaria e Secundaria”, onde se expoñan os distintos “horizontes de crenzas”, no “respecto da conciencia dos nenos e da súa identidade, a súa cultura e tradición”.