Como pórtico da celebración do DOMUND, a Delegación de Misións conta, na segunda semana de outubro, co misioneiro xaveriano Robertus Kardi, que dirixe retiros a sacerdotes e o día 9 deu unha charla no Seminario. Parte da súa intervención adicouna ao seu país natal: Indonesia.
“Bhinneka Tunggal Ika” é o lema nacional oficial de Indonesia, frase que en idioma xavanés antigo significa “Unidade na Diversidade”. Xunto con outros irmáns, Robertus organizou no seu país encontros de diálogo interrelixioso: “Compartimos a riqueza da nosa fe con musulmáns, hinduistas, budistas, e camiñamos xuntos sendo diferentes. Esta é a lóxica do amor de Xesucristo, non encerrarse nun mesmo, senón construír pontes de amor, de fraternidade, de solidariedade, de perdón. Vivindo este diálogo, pois alí realizamos que significa o amor. Amar aos que teñen outras crenzas. Ser amigo e irmán de todos”.
Robertus Kardi recoñeceu que non todo o mundo acolle aos que son diferentes: “pode facer estas cousas a xente que ten a Deus no seu corazón, só a xente que sabe escoitar, recoñecer, respectar, apreciar os demais. Queremos transmitir estes valores co noso traballo, o diálogo, axudar aos pobres. Experiencias moi bonitas, que noutras partes do mundo non é común velas”.
Sobre os froitos do diálogo interrelixioso, sinalou Robertus Kardi que “os primeiros froitos son para os propios católicos. Para poder dialogar cos demais temos que coñecer a Xesús, telo na nosa vida, no noso corazón, escoitalo, estar con El, axudar aos cristiáns a rezar”.
Un dos labores de Robertus en Indonesia foi acompañar a 25 adolescentes, catecúmenos, que se converteron ao catolicismo: “A maioría viñan do hinduismo, budismo, algúns musulmáns, algúns confucionistas. En Indonesia non está prohibida a conversión relixiosa. Eu vin directamente o camiño espiritual da súa vida. E para min foi unha experiencia moi bonita que me axudou moitísimo a entender que significa atopar en Xesucristo o camiño dunha persoa. Estaban moi contentos porque viron a Xesús como o máis importante das súas vidas”.
Robertus Kardi preside as celebracións do xoves eucarístico do 10 de outubro, na Catedral.
Máis información na web da Delegación de Misións.