Queridos irmáns:
Moitos, ademais da incomodidade e problemas que xera esta situaciónde confinamento, están a sufrir a enfermidade en primeira persoa ou están a facer grandes esforzos para loitar contra ela e en ben dos demais. Todos temos presente ao persoal sanitario, nos seusdiferentes niveis, incluídos os nosos capeláns hospitalarios e tamén a todos os que seguen traballando por facer posible a vida nesta circunstancia. Quen sofre máis directamente a enfermidade, quen afronta os seus riscos e consecuencias en primeira persoa, merecen todo o noso apoio e agradecemento. Pero os cristiáns debemos tamén facer algo especial e propio: rezar por eles, polas súas persoas e os seus esforzos, polo seu acerto nas decisións e tamén polas súas familias. A Palabra de Deus dínolo: “rezade uns por outros para que vos curedes. Moito pode a oración insistente dun xusto” (St 5,16). Tamén a Escritura ensínanos que o Señor acolle a oración do pobre e do desvalido, de quen necesita protección; que El non despreza ao corazón contrito que non pode argumentar as súas peticións máis que coa súa humildade e a súa necesidade grande de ben.
Por outra banda, sempre soubemos que gran forza de intercesión ten a oración da persoa enferma, a ofrenda do seu sufrimento posto nas mans do Pai. Con canto amor recibirao! Xesús mesmo díxoo falando da ofrenda da viúva pobre: deu máis que ninguén porque botou todo o que tiña para vivir. Máis aínda, El mesmo púxoo en práctica na súa Paixón, na ofrenda de si mesmo ao Pai para a salvación de todos.
Completemos coa nosa oración as súplicas dos nosos enfermos, que moitas veces non terán a capacidade ou as forzas de facela en primeira persoa! Isto é tamén ser Igrexa: unha inmensa comunidade de oracións nas que Xesús mesmo intercede ante o Pai como a nosa Cabeza e na que se unen as oracións dos que seguimos estando na terra, as dos que chegaron ao Ceo, as da Santísima Virxe María, San Xosé, os santos e tantos fieis, mesmo amigos e familiares nosos, que están xa ante o Señor. O exemplo vivo máis palpable disto son as nosas comunidades de vida consagrada, especialmente contemplativa, chamadas e entregadas á oración ante Deus polo ben de toda a Igrexa e do mundo. Alegrémonos e agradezamos a súa presenza na nosa diocese pois rezan en primeiro lugar por nós. Confiemos en que o fagan agora para que o Señor nos líbre do mal e, se é posible, acurte o tempo desta pandemia.
A oración verdadeira brota do noso corazón e diríxese ao de Deus e por iso non deixa de estar sempre no corazón da Igrexa. Feita con alma e de verdade -en espírito e verdade- ten unha forza grande ante o Señor quen, na súa misericordia, acóllea tanto máis prontamente canto máis humilde e confiada é. E Deus axuda e alégrase deste xesto primeiro de fe e de caridade, de poder vir no noso auxilio por medio tamén das nosas súplicas, de contar coas nosas forzas -aínda que sexan poucas-, co noso corazón. Pidamos ao Señor con sinxeleza, reconciliados cos irmáns, certos de que nos escoita como un Pai.
A Igrexa universal, por medio da súa cabeza visible, o noso Papa Francisco, confírmanos a todos na fecundidade da oración, concedendo a indulxencia plenaria aos fieis enfermos de coronavirus, aos que os coidan, expóndose ao risco de contaxio e a todos os que rezamos para implorar o fin da pandemia, o alivio dos aflixidos e a salvación eterna dos que Deus chamou a si. [Concesión da Penitenciaría Apostólica]
A eficacia da oración demostrouse moitas veces; tamén hoxe renovará as enerxías máis íntimas, sosterá a fe e a esperanza dos nosos enfermos e de quen os coidan, de todo o persoal sanitario e de todos os que se preocupan e traballan polo ben común.
Non esquezamos presentar cada un as nosas súplicas a Deus. É algo que todos podemos facer como contribución persoal, como unha palabra propiamente nosa que só cada un pode dicir. Podería ser, como están a facer xa moitos fogares, ás 12h. da mañá co Ángelus; cando se fai un momento de oración nas parroquias; seguindo a retransmisión da Misa; rezando o Rosario ás 20h… Pero o máis importante é que recemos nós, que acudamos persoalmente a presenza do noso Pai e expresemos con sinxeleza as dores e os desexos deste momento. Pidámoslle a saúde do corpo e da alma; pidámoslle que nos garde na súa paz e que non dubidemos do noso destino bo nin de que en todo momento podemos facer o ben estando atentos ás necesidades do próximo.
Que a Virxe María volva a nós os seus ollos misericordiosos e ampare as nosas casas, familias e hospitais, especialmente estes días.
Co meu afecto e bendición,
+ Alfonso,
Bispo de Lugo