Onde abunda o mal, ninguén está cómodo. É o que sucede no mundo actual. Hai tanta maldade nesta terra, que nos resulta incómodo vivir nela.
Ante esta situación caben dúas opcións: destruíla ou restaurala. Se non nos interesa este mundo porque cheira mal, destruámolo. Pero se nos interesa, e non nos gusta, restaurémolo e gustaranos.
O proxecto xa o temos: sérvenos o mesmo que utilizou o Eterno Pai para crear o primeiro mundo e que lle saíu bo e fermoso. Para iso utilizara bos materiais, boa terra, boa luz, boas augas, bos montes, bos vales… Incluso o home saíralle bo, moi bo, con capacidade de dicir a última palabra. Deus arriscouse facendo libre ao home, e este falloulle, e facendo mal uso da súa vontade, deteriorou o mundo que o Señor lle regalou. Isto desgustou ao Creador, pero non desistiu do seu primeiro proxecto, e decretou a restauración do mundo. Pero agora non se fía do home, e confía a restauración ao seu propio Fillo Xesucristo, e este acometeu a “recreación do mundo”, aproveitando moitos dos materiais do primeiro mundo: o mesmo sol, as mesmas augas, a mesma terra, as mesmas estrelas… Pero a peza máis importante do primeiro mundo, o corazón do home, corrompeuse, está inservible. Hai que pensar nun “recambio de pezas”. O esqueleto de Adán é aproveitable, pero o seu corazón está inservible: hai que pensar nun transplante de corazón. A operación é de alto risco e só a pericia dun experto cirurxián ofrece garantías. Tal cirurxián non existe na terra, ten que vir do ceo. E de alá mándanolo o Señor, encargándolle que traia consigo o corazón a trasplantar, xa que ningún dos da terra é aproveitable.
Xesucristo acepta o labor; baixa do Ceo e ponse ao choio. Toma o seu corazón santísimo e, utilizando a anestesia do seu divino amor, colócao no tórax do home pecador. A intervención foi todo un éxito: xa temos un home novo, un corazón novo, un mundo fermoso, unha humanidade redimida. Conectemos os nosos corazóns co corazón de Cristo, que ten capacidade para bombear sangue de bondade a todos os seus membros, que somos nós.
E alegrémonos, xa que as cousas melloraron notablemente. O primeiro mundo tiña un bo corazón, obra de Deus; pero era un corazón humano vulnerable. O corazón do novo mundo é divino. Gocémonos e colaboremos con el para que todo sexa fermoso aos ollos de Deus e dos homes de boa vontade. Adán escoitou ao diaño e este enganouno. Escoitemos nós a Xesús, e estaremos seguros de que o noso comportamento nos manterá fieis ao Señor.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral