Restaurado o retablo da igrexa parroquial de Santo André de Ribeiras de Miño

Retablo de Santo André de Ribeiras de Miño, antes e despois da restauración

A igrexa da parroquia de Santo André de Ribeiras de Miño -Ferreira de Pantón- ten un retablo barroco do século XVIII que estivo a ser restaurado nos últimos meses nunha intervención financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura. O domingo 28 de xullo organizouse unha exitosa xornada de difusión sobre o traballo realizado.

Durante os traballos de restauración atopouse unha inscrición segundo a cal o retablo, profusamente decorado, quedou terminado en 1789. Descoñécese quen foron os seus autores. As esculturas son de factura popular e presentan unha calidade artística de talla moi notable.  Destacan dúas figuras humanas que, situadas en ambos os extremos da base do retablo, parecen soster todo o conxunto. É algo infrecuente nun retablo desa época, aínda que na Ribeira Sacra si hai máis presenza deste tipo de esculturas.

Entre outras actuacións, reparáronse gretamentos e restituíuse a pintura perdida respectando a coloración orixinal. Os restauradores foron Ana Celard Fernández, Clotilde Lemoine e Mario Trujillo  (Conservatio).

A igrexa parroquial de Ribeiras de Miño, no lugar de Ribela, foi construída no século XVII. Conserva elementos de épocas anteriores e tamén pasou por diversas reformas en tempos posteriores á súa edificación.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: