A nosa vida é camiño, xuntos camiñamos cara a unha terra nova, onde xa non haberá nin morte nin dor, onde todos os nosos anhelos e desexos serán colmados, onde todos os nosos interrogantes atoparán resposta. Xesucristo vai connosco mostrándonos o camiño e acompañándonos. Así o expresamos en cada procesión. Por iso camiñamos en silencio, con respecto. Dicímoslle a Xesucristo, que o queremos, que desexamos seguir os seus pasos, que queremos contar con El para construír un mundo mellor, empezando polos que están ao noso carón. Únete a nós coa túa presenza.
Nada hai máis forte neste mundo que o amor de Deus, nada máis profundo que a súa misericordia e a súa tenrura. Nada nin ninguén poderá xamais destruír nin apagar o amor que nos manifestou Deus a través do seu Fillo Xesucristo. Por todo iso, Grazas Pai, Grazas Xesucristo.
Ti que nos acompañas cada tarde, ti que aínda non experimentaches o amor e a misericordia de Deus na túa vida, ti que estás sufrindo, que non atopas sentido á túa vida, desde a Confraría do Desencravo, invitámoste a que mires, non a nós os confrades, non aos curas ou autoridades, porque somos homes e mulleres pecadores coma ti. Mira á imaxe desta carroza que nos recorda a Cristo, morto por amor a nós e que hoxe está resucitado. Míraa. Míraa de verdade. Contempla cada detalle e déixalle que che fale nesa tarde. Pode ser para ti unha palabra de salvación.
Non a mires con pena ou co sentimento de ver a un Cristo sufrinte, senón con esperanza, porque é a túa salvación. Móstranos a Xesucristo morto, desencravado e descendido da cruz por dous dos seus grandes amigos e seguidores Xosé de Arimatea e Nicodemo diante de Xoán, o discípulo amado, de María a súa nai e de María Magdalena, a muller que tendo recoñecido o seu pecado converteuse nunha das máis fieis ata o último momento da súa vida terrea e foi elixida unha das primeiras en anunciar aos discípulos que Cristo resucitara.
Ti que sofres, que non atopas sentido á túa vida, que o tes todo e non es feliz, para ti sempre hai unha palabra de vida, de salvación. Xesucristo, a quen nós habemos crucificamos cos nosos pecados, non quixo desentenderse dos nosos sufrimentos e angustias, senón que tamén os viviu El para mostrarnos que non son en balde, que teñen un sentido na túa vida.
Abre o teu corazón e a túa mente porque El está desexando que o escoites para facerche feliz de verdade. Nós miramos as aparencias, Deus mira o corazón do home. Non importa como sexas, non importan os teus pecados, Deus quéreche tal e como es. Sexas como sexas sempre poderás contar con Xesucristo na túa vida, El nunca che fallará.
Se aínda non atopaches sentido á túa vida, aos teus sufrimentos e non es feliz, desde aquí dicímosche que a túa vida pode cambiar.
Do costado aberto de Cristo saíu para nós un agasallo marabilloso que é a Igrexa, que nos coida como unha nai e dentro desta Igrexa podemos atopar distintos movementos, confrarías e comunidades tales como a Renovación Carismática, a Adoración Nocturna, a Lexión de María, Vida Ascendente, os Equipos de Nosa Señora, as Comunidades Neocatecumenais, etc. nos cales poderás experimentar o amor e a misericordia de Deus, empezarás a convivir e compartir con aqueles con quen pasarás toda a eternidade na presenza do noso Pai Deus e descubrirás que a túa vida ten un sentido, que nada pasa por casualidade, que todo ten un porqué e un para que en Cristo.
E a Ti, María, grazas por darnos ao teu Fillo Xesucristo, por acompañarnos no peregrinar da nosa vida, a estes fillos tantas veces ingratos, que non queremos ou non sabemos corresponder ao teu amor de Nai. Salve, eterna doncela, roga a Cristo por nós.
Eliseo Fernández Bamio (revista Cinco Cruces, nº 8)