Recomendacións da Hospitalidade Diocesana de Lourdes

 Un dos fins principais da Hospitalidade de Lourdes é  estar a carón dos enfermos, sobre todo os que viven no seu domicilio; persoas que viven soas ou persoas que teñen máis dificultade en comunicarse e relacionarse cos demais. Por iso, e tendo en conta a situación actual, dirixímonos a toda persoa de boa vontade e sobre todo e dun xeito especial aos miles de peregrinos a Lourdes da provincia e da Diocese lucenses.

Son moitos, en circunstancias normais, os que durante o ano están en contacto co resto dos peregrinos, sobre todo cos que viven polas súas limitacións máis illados con visitas; axudas; chamadas por teléfono etc.

Estamos nuns momentos en que por necesidade, solidariedade e legalidade, hai que permanecer nas casas. Este illamento físico (para moitos máis doloroso e duro) pode levarnos por desgraza mesmo a un illamento sentimental ou espiritual. Debemos todos acompañarnos, se cabe con máis entusiasmo e ilusión, facendo da necesidade virtude: máis unidos e prestar máis as axudas que podemos realizar; e aceptar con máis benevolencia a axuda que outros nos prestan, dentro das súas posibilidades tan limitadas, pero cun maior esforzo de amor e caridade da súa boa vontade. Porque todos podemos axudar e todos necesitamos axuda, todos somos caídos na viaxe e todos podemos ser samaritanos.

Recomendamos:

1) Estar máis en contacto por teléfono ou calquera outro medio sobre todo cos que viven sós, tamén co resto dos peregrinos que se coñezan e por suposto co resto da familia.

2) Rezar por todos, sobre todo polos peregrinos. Pídeselles aos sacerdotes que peregrinan a Lourdes (máis dun centenar), que lembren dun xeito especial a todos os peregrinos.

3) Se é  posible, seguir a Misa polos medios de comunicación. Agora cada domicilio pode converterse en templo de oración.

4) Que María a nosa Nai, baixo a advocación de Lourdes; de Fátima; da Saúde, sexa nestes momentos: modelo, intercesora e que nos una como só o sabe facer unha nai! Que o Señor, conceda luz e inspire a todos os que se esforzan por vencer ao inimigo común e así a humanidade poida volver á súa vida normal!

Como persoas de Fe, esta pode ser unha invitación ou ocasión máis, para recoñecer a debilidade e limitación do ser humano e o poder infinito do Señor, que para nós sempre é Pai.

Lugo, 19 de marzo de 2020

A Xunta Directiva da Hospitalidade de Lourdes de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: