Á frase do título poden dárselle diversos finais segundo os pensamentos e actitudes que teñan as persoas. Se a empregamos para facer unha actividade no comezo dunha xornada sobre educación, o que poñan a continuación os participantes daría para reflexionar moito en común sobre o sentido dos diversos finais dados, ensinaríannos moito sobre o que entenden por educar, por persoa humana e por relación social. Tamén se poderían comparar os finais dados por grupos de alumnos, pais, profesores, amigos, orientadores educativos…
Antigamente o remate da frase comunmente máis aceptado e compartido era o de “…FARATE CHORAR”. Seguramente foi o primeiro final que nos veu á mente ó ler o título por telo oído un montón de veces. Ese final vai asociado a que serás corrixido polos erros que cometas, a que che esixirán que combatas os instintos e vicios a fin de que sexas unha persoa con moita capacidade de esforzo e sacrificio. Nos últimos tempos tamén é moi frecuente que se remate con un “…FARATE FELIZ”. A este obxectivo de felicidade (ás veces sinónimo de “pracer”) estarían sometidas as relacións interpersoais e educativas.
Que consecuencias implican estes dous finais? O principal problema, ao meu entender, é que poñen a causa do teu sufrimento ou da túa felicidade fóra do teu actuar, en alguén totalmente alleo a túa vontade, que ademais tamén é un ser finito e limitado. Así un ser humano, que como tódolos seres humanos ten fallos, vén ser a causa da túa felicidade ou infelicidade. Como ninguén é perfecto, isto leva a que se vexa nos demais a causa das propias desgrazas, dos propios conflitos. A conclusión, á que se chega, é que o outro é unha mala persoa, como diría o filósofo, “Homo homini lupus”.
Con estas actitudes poñemos o control das nosas vidas en mans alleas, esquecendo que a nosa obriga é asumir a responsabilidade sobre a propia vida, aprender a prever as consecuencias das diversas decisións que tomamos na vida. Igualmente saber anticipar onde rematan os camiños vitais que emprendemos coas nosas decisións.
Na vida humana hai que ser consciente que de todo comportamento e acción emprendida séguense unhas consecuencias lóxicas. Non debemos ignorar aquilo que dicía o sabio: “non se poden esperar resultados distintos facendo as mesmas cousas e cos mesmos procedementos”. Ás veces escóitanse afirmacións do tipo de “xa lle dixen que tiña que cambiar…” Pero, por que o vai facer se eu mesmo sigo comportándome da mesma maneira con el?.
Nunca debemos esquecer que as circunstancias son só iso, circunstancias, non determinacións sobre a propia vida. Toda persoa pode coñecer que un bo navegante leva o veleiro ao porto que desexa tanto con ventos favorables coma contrarios, depende da súa pericia na colocación das velas. Tamén as persoas poden tomar a responsabilidade da propia vida para “non andar á deriva” segundo empurren as circunstancias da vida. Non hai que ir para onde te leve a corrente, senón ter un proxecto serio de vida, elaborado dende as propias realidades para avanzar nun camiño constante de superación, para construír unha sociedade máis xusta e solidaria.
Á hora de camiñar na vida cos nosos semellantes, que son irmáns, e de relacionarnos con eles sería adecuado que tiveramos un comportamento na liña do que dicía Goethe: “quen te trata como es, faite peor do que es, pero quen te trata como podes chegar a ser, axúdate a mellorar”.
Concluíndo, o remate da frase do título debería estar na liña de: quen ben te quere, esixirache que saques o mellor de ti, que desenvolvas ao máximo as túas capacidades e cualidades para o BEN COMÚN DE TODOS, porque a nosa vida está entretecida coa dos nosos semellantes máis ou menos próximos.
Algo así lles dicía Paulo, o de Tarso, aos presbíteros de Éfeso que mandou vir a Mileto: “En todo vos mostrei que é, traballando así, como cómpre valerlles aos necesitados, recordando as palabras do Señor Xesús, que dixo: ‘é maior felicidade dar que recibir” (Feitos 20, 35).
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas