Que se adapten a min!!

No libro “A transformación da mente moderna” de Jonathan Haidt e Greg Lukianoff antes do prólogo cítase un dito da sabedoría popular: “Prepara o neno para o camiño, non o camiño para o neno”, que despois analizan en profundidade. Hoxe en xeral procúrase que os nenos non teñan dificultades, obstáculos e problemas que afrontar na súa vida.

O outro día dicíame un profesor de matemáticas de educación secundaria que facía un exame común para a clase e logo outros seis distintos para os alumnos “con necesidades especiais” coa finalidade de que aproben todos, e engadía: “operarate un cardiólogo que non sabe onde está o bazo”.

Entendo que nos programas de estudos e nos exames convén non favorecer un só tipo de intelixencia. Persoalmente avalío os meus alumnos con traballos sobre libros expostos en clase e exame final utilizando libros, apuntes… valórase entender, sintetizar, relacionar. Noutro curso fago exame normal no que se avalía o coñecemento das cuestións tratadas usando a súa propia linguaxe.

A cuestión a reflexionar é: se a un estudante nos estudios se lle adaptou todo a el, poderá el adaptarse á sociedade, a un grupo ou comunidade, a unha vida en parella ou matrimonial? Se o que viviu na súa historia tanto no ensino como na casa é que se adaptaron ás súas características ou necesidades “especiais”, entenderá que o maltratan e non lle queren ben cando lle esixan que el se adapte a outras persoas. É máis, estará un tanto incapacitado para a vida comunitaria sexa no matrimonio ou en grupos.

Aínda máis, se sempre se adaptaron ás súas características “especiais”, poderá esa persoa amar? Non poño en dúbida a capacidade que toda persoa ten de amar pola súa natureza. O que si se pode afirmar é que non foi educado na capacidade de amar, pois amar esixe sacrificio e renuncia en favor dun ben maior, o ben da persoa amada.

En xeral educamos aos rapaces para que sexan o centro da vida social e que todo xire ao seu redor co que, cando na vida real sexan un máis e haxa outros que destaquen máis, facilmente se sentirán frustrados e con sentimentos de ser pouco valorados e mesmo desprezados, pois non hai sitio para tantas primeiras “vedetes”.

Téñome atopado con persoas que din que teñen que aceptalas como son, pero iso non vai acompañado con que eles acepten aos outros como son. Todos podemos e debemos cambiar, se queremos chegar a ser máis fraternos cos nosos semellantes. Ademais, se nos tratan como podemos chegar a ser, por tanto esixíndonos, axúdannos a mellorar.

Ninguén espera que unha autoridade española lles diga aos estudantes de secundaria o que dixo o presidente do Tribunal Supremo de EEUU, John Roberts, ao seu fillo e compañeiros na súa graduación en xuño de 2017:

Agardo que, de vez en cando, nos próximos anos vos traten inxustamente, para que así cheguedes a coñecer o valor da xustiza. Agardo que sufrades a traizón, porque iso vos ensinará a importancia da lealdade. Lamento dicilo, pero espero que vos sintades sós de vez en cando, para que non deades por seguros aos vosos amigos. De novo, deséxovos mala sorte de vez en cando, porque así seredes conscientes do papel que desempeña o azar na vida e que o fracaso dos demais tampouco é completamente merecido. E cando perdades, como ocorrerá nalgunhas ocasións, que de tanto en tanto o voso adversario se regodee no voso fracaso. É unha forma de que entendades a importancia da deportividade. Agardo que vos ignoren, para que saibades o importante que é escoitar aos demais, e agardo que  sufrades a suficiente dor para aprender a ser compasivos. Desexe ou non estas cousas, van ocorrer. E que saquedes proveito delas dependerá da vosa capacidade de ver unha mensaxe nas vosas desgrazas”.

Remato lembrando ao mellor deportista español de sempre, e un dos mellores xogadores da historia mundial do tenis, Rafael Nadal. Escribe coa man dereita, pero aprendeu a xogar coa esquerda coa finalidade de ter unha vantaxe competitiva. Tamén modificou a forma de golpear a pelota cambiando o pé de apoio… Así forxouse un carácter, unha personalidade que non falta ao respecto aos demais nin rompe raquetas. O carácter e a personalidade son modificables, fórxanse.

Antón Negro

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: