Dirán algúns que a pregunta non está ben formulada. É certo. O correcto sería preguntar a quen podemos atopar na parroquia? Se a pregunta fose así, a resposta tamén sería moi doada, polo menos na teoría: na parroquia poderemos atoparnos con Xesucristo.
Pero non é menos certo que a parroquia tamén pode dispoñer de medios que nos sirvan para atoparnos con Xesucristo, tal como foi a súa vontade, cando enviou aos seus apóstolos de dous en dous a anunciar o Evanxeo.
Na parroquia pódese participar da Eucaristía dominical coa que se celebra a resurrección de Xesucristo, que é o fundamento da nosa fe.
Na parroquia uno pódese formar formarnos na fe para coñecer mellor a Xesucristo e escoitar a súa Palabra.
Na parroquia poden recibirse os sacramentos de Xesucristo, signos sensibles e visibles que nos alcanzan a graza.
Na parroquia pódese atopar un espazo de silencio para a oración e a adoración eucarística, especialmente os xoves despois da Misa.
Na parroquia pódese despedir cristianamente aos seres queridos, encomendándoos á misericordia de Deus e rezar polo seu eterno descanso.
Na parroquia pódese atopar a unha comunidade de irmáns cos que compartir e celebrar a fe en Xesucristo resucitado.
Todo no que a parroquia se fai e vive é unha axuda valiosa para o noso encontro persoal con Cristo, de tal forma que El transforme a nosa vida ata darlle un sentido pleno e unha felicidade auténtica.
Pero, se se vai á parroquia con outra intención que non sexa a de atoparse con Xesucristo, a decepción e o aburrimento poden ser grandes. A parroquia tampouco é un lugar para facer feira ou para que me organicen un acto máis ou menos vistoso con ocasión da miña voda; ou para botarlle un pouco de auga pola cabeza a un pobre neno inocente e rir todos; ou a ocasión para ver cantos amigos me corresponden no funeral do noso familiar para quedar ben.
A parroquia é para outra cousa: é para que a nosa vida se atope coa de Cristo.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada