Este ano celébrase o 40 aniversario da promulgación no noso país da Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa, que substituía á Lei de Liberdade Relixiosa de 1967. Unha lei de só oito artigos que desenvolve este dereito fundamental, que o artigo 16 da nosa Constitución recoñece aos individuos e ás comunidades, utilizando como instrumento o principio de cooperación previsto na nosa Carta Magna. O resultado máis visible da aplicación deste principio foron os Acordos asinados coa Igrexa católica en 1979 e con musulmáns, xudeus e protestantes en 1992. Estes acordos, que recollen materias semellantes, foron desenvolvéndose normativamente durante os diferentes gobernos do PSOE e do PP, sendo o Ministerio de Xustiza o encargado das relacións coas confesións relixiosas.
Actualmente estas catro confesións relixiosas teñen recoñecidos, entre outros beneficios, exencións fiscais; un réxime de seguridade social para os seus ministros de culto; a posibilidade de prestar asistencia relixiosa en hospitais, cárceres e nas Forzas Armadas; espazos en medios públicos de comunicación; o recoñecemento da eficacia civil dos seus matrimonios; ou o ensino da relixión nos centros públicos.
No noso país, en apenas corenta anos, foi configurándose un marco xurídico de liberdade relixiosa que o noso Tribunal Constitucional definiu como un modelo de “laicidade positiva” e no que os cidadáns e as Igrexas puideron exercer o seu dereito fundamental en liberdade.
Pero mentres nunha Europa plurirrelixiosa os nosos países veciños están a apostar pola presenza das relixións no espazo público e o diálogo cos líderes relixiosos como ferramenta necesaria para a xeración de sociedades vertebradas e inclusivas, en España obsérvanse determinados posicionamentos ideolóxicos que buscan precisamente o contrario, relegar o feito relixioso á esfera privada. O aumento do antisemitismo, a islamofobia e a cristianofobia, do laicismo como modelo de xestión do feito relixioso ou do anticlericalismo, está a xerar espazos de conflito nos que os cidadáns e as comunidades relixiosas ven restrinxido na esfera pública, o exercicio do seu dereito fundamental. E este tipo de actitudes fronte ao feito relixioso e as súas manifestacións, que algúns reclaman de maneira insistente, non poden ser admitidos nunha sociedade democrática tal e como nos lembrou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Precisamente, para evitar este tipo de situacións cómpre que os poderes públicos, cuxa xestión debe estar ordenada á consecución do ben común, esquezan vellas formulacións decimonónicos e aposten por un diálogo leal e sincero coas confesións relixiosas que permita, a través da cooperación, facer posible que o individuo poida facer real e efectivo o exercicio da que, en opinión de moitos, é a primeira das liberdades, a relixiosa.
Jaime Rossell Granados
Catedrático de Dereito Eclesiástico da Estado
Universidade de Extremadura