O martes 9 a Xunta de Goberno da Confraría de Esperanza de Lugo deu a coñecer nunha roda de prensa a publicación dos novos estatutos.
A irmá maior, Isabel Lagares explicou que tiñan “uns estatutos relativamente recentes (2007) pero o Dereito Canónico e as leis de asociacións van cambiando. Desde a Confraría valorouse que había que facilitar o coñecemento dos confrades das súas obrigas e os seus dereitos. Á hora de pedir unha subvención dicíasenos que a Confraría non era unha asociación sen ánimo de lucro”.
O tesoureiro da Confraría da Virxe da Esperanza, Juan Martín, considerou que “os estatutos que había tiñan demasiados artigos e un réxime disciplinario moi antigo. Deixáronse as cousas imprescindibles para o funcionamento da confraría, como os actos que ten que realizar obrigatoriamente, cando e como celebralos. Aos confrades pídenselles dúas cousas fundamentais: uniformidade no hábito e unha pequena colaboración económica” Sobre isto último, “se algún confrade non ten posibilidades de pagar o recibo, falando poderá amañarse o tema, sendo posible unha condonación”.
Para o moderador da Confraría, Alejandro Pin, “todo confrade pode ter na man a estrutura da confraría, algo que ata agora só tiña a Xunta de Goberno. E os confrades só tiñan coñecemento dalgún aspecto cando se falaba do que debían facer ou como debían asistir ás procesión, pero ata agora non tiñan un documento escrito ao que poder acudir”.