Caritas Parroquial de San Antonio de Padua de Lugo ten en proxecto a construción dun galiñeiro artesanal para unhas 20 galiñas. Este galiñeiro estará situado nun terreo situado en Santiago de Saamasas, nunha eira pertencente á casa de Domingo de Souto que a cede para tal fin.
OBXECTIVOS
1. Xerar recursos para a axuda solidaria ás persoas necesitadas da contorna da Parroquia.
2. Divulgar a acción solidaria que se realiza desde a Parroquia de San Antonio de Padua de Lugo.
3. Estimular iniciativas en beneficio dos desempregados e persoas que viven en precario.
4. Crear un espazo orixinal de encontro e integración para persoas que reciben axuda, no que se fomenten valores como o respecto e o esforzo.
5. Construír utilizando materiais reciclados, na medida do posible.
6. Recuperar os traballos e costumes tradicionais do mundo rural galego como medio para xerar recursos materiais e en especie.
7. Involucrar na construción do galiñeiro ao alumnado do centro escolar máis próximo.
8. Dar a coñecer este proxecto a través da venda dos ovos no mercado local ou noutro lugar adecuado.
REALIZACIÓN
Para levar a cabo este proxecto cóntase cun deseño elaborado polo alumnado do colexio Divino Mestre de Lugo. Así os estudantes coñecen de primeira man e participan activamente neste proxecto solidario. A realización concreta será os meses de setembro e outubro do presente ano 2017.
ORZAMENTO
Calcúlase un investimento total de 1000 euros.
DIVULGACIÓN
O proxecto vincúlase a un reto persoal que se levará a cabo a partir do 17 de xuño de 2017: completar en bici o Camiño de Santiago desde a cidade de Roma. Tres membros do Club Ciclista Melidense unirán dúas cidades emblemáticas, tanto pola súa historia como pola súa influencia social e cultural en occidente. Ademais, son dous destinos únicos de peregrinación. Os membros do club ciclista divulgarán a iniciativa solidaria da Parroquia de San Antonio a través dos seus contactos nas redes sociais.