As Irmás Terciarias Franciscanas do Rabaño de María (Lugo) patrocinan o proxecto “Se non hai auga non hai vida” para dotar dun motor eléctrico a un pozo de auga en Kivingoni Village (Kenia) e participan as parroquias das que se encarga o sacerdote Miguel Ángel Fernández Vilariño. Unha relixiosa da congregación, a irmá Jacinta, coñece ben o tema por ser natural de Kenia e explica así a situación:
“Hai unhas décadas, coa axuda dun misioneiro, montouse un sistema para recoller auga da chuvia, pero acumulábase tanta xente para ir recoller que aínda erguéndose ás 2 da madrugada, ás veces volvíase a casa sen nada tras pasar unha noite enteira agardando a quenda.
“Desde España colaborouse hai uns poucos anos cun pozo e un motor que funciona cun xerador. Por un lado, a xente está bastante contenta con isto porque xa non hai que facer cola, pero non desapareceron todos os problemas, pois pode fallar o xerador e a reparación soe saír cara, ademais de que non sempre hai diñeiro para costear a gasolina do xerador. Cando pasa isto vai buscarse auga onde non é potable.
“Co novo motor eléctrico non só habería auga potable senón tamén máis auga para os cultivos”.