No artigo anterior, “Pobreza herdada”, lembraba ao Papa Francisco chamando a unir as Xornadas Pontificias nun “Día Mundial dos Pobres” (19-XI-2017), na liña do que ben dicía León Bloy: “a máis tremenda das maldades é a de oprimir aos febles, aos que non poden defenderse”
O compromiso cos pobres, presente na historia da Igrexa, hoxe debe asumir a súa liberación segundo di San Xoán XXIII en Mater et Magistra: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben ser os mesmos interesados”. (nº 144).
Cando esta se publicou o cardeal Herrera Oria escribiulle ao Papa dicíndolle que había un erro de tradución, pero o Papa respondeulle que non había erro de tradución, en tal caso sería un erro do Papa (iso lle oín varias veces ao seu amigo persoal Julián G. del Castillo).
Fai anos un mozo, amigo persoal meu, preguntoulle a Jon Sobrino nun coloquio se el estaba de acordo con que os pobres son os protagonistas da súa liberación como dicía o Papa. Contestoulle que “os pobres e máis outros”, que se pode traducir como que os pobres precisan líderes, guieiros… como sosteñen moitos dirixentes e intelectuais.
Defender o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación é ensinanza oficial na Doutrina da Igrexa. Ollemos esta clara clave para analizar todas as realidades económicas dos Estados e Institucións Sociais: “Hai que avaliar as decisións (de política económica) á luz do que fan POR os pobres, do que fan Aos pobres e do que posibilitan que os pobres fagan POR SI mesmos. O criterio moral fundamental para tódalas decisións, políticas e institucións económicas é o seguinte: As mesmas deben estar ó servizo de todos e especialmente ao servizo dos pobres”. (Bispos USA, Xustiza Económica para Todos, nº 24). Lembremos que non é o mesmo permitir ca POSIBILITAR.
Este protagonismo está recoñecido en moitos lugares, por exemplo, nos estatutos da 1ª Internacional: “Considerando que a emancipación dos traballadores ten de ser obra dos traballadores mesmos” (Xenebra, setembro de 1866).
A pobreza non é só material, senón tamén cultural e de illamento das persoas. Por iso a historia do Movemento Obreiro lémbranos o seu berro: “Contra a ignorancia, libros!, e contra a miseria, Asociación!”. Traballar seriamente nestes dous ámbitos é a acción máis importante que podemos realizar para a liberación dos empobrecidos.
A formación, “a elevación cultural” da que falaba Xoán XXIII, é básica nos procesos de liberación humana. Poden axudar a entendelo as palabras de García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo Fuente Vaqueros-Granada, que comeza coas palabras de Xesús:
“NON SÓ DE PAN VIVE O HOME. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría MEDIO PAN E UN LIBRO… Ben está que tódolos homes coman, pero que tódolos homes saiban. Que gocen tódolos froitos do espírito humano porque o contrario é convertelos en máquinas ao servizo do Estado, é convertelos en escravos dunha terrible organización social…”. (setembro 1931)
A importancia da Asociación está contida na proposta de Vida Comunitaria que fai a Igrexa, porque cremos nun Deus Trinitario, Comunitario, e somos sociais por natureza. Por iso é de todo lóxico que manifestacións dos obreiros fosen baixo a pancarta: “Asociación ou morte!” (exemplo: Barcelona 3-VII-1855). Nos inicios do Movemento Obreiro tiñan claro que a forza dos pobres é a solidariedade, e a Asociación debe ser a canle organizada da solidariedade.
Para compartir cos empobrecidos o seu proceso de liberación, obriga de xustiza, é necesario atoparse vitalmente e desde a Fe con eles como dicía o Papa Francisco na convocatoria para dita Xornada: “Se realmente queremos atopar a Cristo, é necesario que toquemos o seu corpo no corpo chagado dos pobres, como confirmación da comuñón sacramental recibida na Eucaristía…” (nº 3)
Todos deben recoñecer este protagonismo dos pobres na súa liberación, e especialmente os que traballamos entre eles e con eles, se non queremos facelos dependentes e colonizados. É sabio Bieito XVI ao dicir: “Así como a subsidiariedade (protagonismo da persoa e grupos pequenos) sen a solidariedade desemboca no particularismo social, tamén é certo que a solidariedade sen a subsidiariedade acabaría no asistencialismo que humilla ao necesitado”. (Cáritas in Veritate 58)
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas