Escribir sobre as primeiras impresións é algo que me impón respecto, porque con frecuencia adoitan ser distantes da realidade.
Así que tratarei de non xulgar nada do que vexo ata agora, pero si compartir un pouco da chegada a este marabilloso lugar.
A viaxe ata Patuka [Honduras] é unha aventura, por terra, aire e mar, aos poucos vas sentindo o calorciño desta terra, aromas novos, cores cun brillo especial, cheiros descoñecidos… E cando a barca xa se achega a Patuka pensas: por fin, cheguei ao meu novo fogar. E unha faise consciente do lonxe que está, e realmente é coma se entrases noutro mundo.
O primeiro que chama a atención é a beleza do lugar, porque sen ningunha dúbida este é un recuncho do mundo moi lindo. Considérome privilexiada de estar nunha casa desde a que se pode mirar o río Patuka e o mar Caribe, xa que esa vista xunto ao fresco da terraza, fai que sexa un lugar máxico. Deses lugares onde atopas paz, e sentes como a alma énchese de enerxía.
A xente é moi distinta, pero sen dúbida teño moito que aprender deles, desde o saúdo onde se achegan a un e aspírano, coma se ao respirar o teu aroma empezases a formar parte deles, pero é algo que non todo o mundo fai (entendo que implica certa confianza ou intimidade). Cando algunha das catequistas ou kuka nani (AVÓAS) fíxoo comigo, sentín un profundo respecto, á vez que sorpresa e unha chamada a que algo tan sinxelo como o saúdo aquí é distinto. Non sei se estarei equivocada, pero vexo xente moi autónoma, humildes, e que me transmiten unha gran sabedoría.
Os dous grandes retos son a nivel físico, adaptarse físicamente a este clima, e ritmo de vida, e a nivel intelectual aprender o idioma miskito, que agora mesmo me fai sentir coma se tivese que escalar o Everest. A estes séguenlle moitos máis, pero aos poucos, paso a paso, descubrir unha realidade tan distinta ten maxia para un bo tempo.
Se un en misión polo xeral xa se sente pequerrechiño, agora eu véxome como formiga, pero nesta pequenez, hai momentos máxicos. Como non podo falar porque descoñezo o idioma, podo sorrir, e case sempre hai un sorriso cómplice do outro lado. Como un non sabe, ten que recoñecer que necesita do outro, e descobres o don da comunidade, e o bo que é ter compañeiros de camiño, e tamén que ás veces na vida é bo volver a este punto de non saber case nada, porque co tempo irás enchéndote de novas formas de facer, dun novo modo de ver a vida, o mundo.
Así que aquí estou como unha nena con zapatos novos, feliz porque ten uns lindos zapatos novos, pero tratando de amoldarse a eles, e consciente que algunhas rozaduras ao principio serán inevitables, pero co tempo seguro serán os meus zapatos favoritos.
TIHMIA YAMNI (BOAS NOITES)
Ana