O Vicario Xeral da Arquidiocese de Oviedo, Jorge Juan Fernández Sangrador, inaugurou o 8 de marzo no Círculo das Artes de Lugo as XXXV Xornadas Abertas de Teoloxía tratando sobre a percepción da morte no noso tempo.
Comezou falando de 6 tendencias emerxentes que teñen a súa particular visión da morte: transhumanismo, animalismo, neurocientismo, ideoloxía de xénero, pensamento débil e emerxentismo. Unha das diferencias coa escatoloxía cristiá é que nesta non haberá resurrección da carne ata que esteamos todos, mentres que nas outras escatoloxías pesa máis o individualismo.
Tamén se referiu Jorge Juan Fernández Sangrador ás crenzas que subxacen na contorna da alta tecnoloxía (Palo Alto, Silicon Valley): “todo o que se pensa, pode facerse” é o seu mantra, sen pararse a pensar nos porqués. Pero a grandeza do ser humano reside no feito de dar sentido ao que fai.
Outro tema tratado foi o da ética e a intelixencia artificial, poñendo como casos os de robots que atenden a anciáns nas súas casas, ou mesmo robots usados no ámbito relixioso (Mindar, Bless U-2).
Finalmente presentáronse experiencias de persoas transformadas no terreo espiritual a partir da audición de certos temas musicais: Erik Varden, García Morente, Paul Claudel.