O 22 de novembro comezou a Escola de Formación sobre a Eucaristía que a Delegación de Laicos, Familia e Vida organiza este curso, con sesións bimestrais. Na primeira, o licenciado en Teoloxía Litúrxica, José Sánchez Piso, explicou os ritos introdutorios.
Cando se fala das partes da Misa debe facerse desde a espiritualidade, a tradición, a teoloxía, o dereito, a estética, as rúbricas,…
Nun momento da súa intervención referiuse Sánchez Piso a un cambio: “o Misal actual substitúe a fórmula “Preparado o sacerdote…” por “Congregado o pobo…”. Non significa que o sacerdote non deba estar preparado, pero está poñendo o acento no pobo. Xa non é a Misa do cura á que asisten algúns, senón que é a Misa da Asemblea presidida polo ministro ordenado. Como facer que realmente unha morea de individualidades que viñeron da súa casa fagan unha asemblea de verdade? Para iso importa o canto de entrada, que acompaña a unha procesión, ás veces reducida simplemente ao camiño desde a porta da sancristía ata o altar pero outras veces celebrada con solemnidade. E temos os 3 elementos cos que empeza a Eucaristía: a procesión, cantando, para rematar cunha oración. Este esquema é clásico no culto católico, xa fala diso San Agostiño”.
Sobre a oración colecta, Sánchez Piso explicou o motivo de ter ese nome: “chámase así porque recolle o sentido da celebración e as oracións dos fieis. Porque o sacerdote di “Oremos” e para iso hai que facer un intre de silencio e orar”.
Nunha colecta hai distintas partes: “unha invocación (O Deus, Pai eterno…) mencionando a Deus a algún atributo seu. A continuación vén o memorial, que é lembrar un feito salvífico realizado por Deus (Encarnación….). Despois vén a petición e finalmente a conclusión. Nesta dise “Por Xesucristo o Noso Señor” porque as peticións non as facemos a Xesús senón ao Pai eterno, pero nós non somos dignos de dirixirnos ao Pai eterno, polo que ao final de calquera oración dicimos que se facemos a petición é porque poñemos a Xesús como intercesor”.