Se hoxe se fixese unha enquisa en España e preguntase se existe unha lei de Eutanasia para procurar a morte anticipada das persoas en certas condicións, é posible que a metade dos cidadáns diga que non o sabe con certeza. Se preguntamos aos mesmos cidadáns cal é a diferencia entre a Eutanasia e os Coidados Paliativos, seguro que arredor do 90 % non sabería precisar a diferencia.
Isto pon de manifesto que a lei de eutanasia se aprobou con escurantismo e pouca transparencia de cara aos cidadáns. ¿Quen lembra a aprobación da lei pola que as SICAV (Sociedades de Inversión de Capital Variable) pasaban de tributar do 25 % ao 1 %? Quen sabe en que data e que goberno a aprobou? Ben, pois a lei favorable ás SICAV aprobouse o 30 de xuño de 2005, entón moitos saberán que era o Goberno de Zapatero. O máis curioso é que ese mesmo día aprobouse outra lei que todo mundo relaciona con Zapatero, que é a lei dos “matrimonios homosexuais”. Desta lei de morte anticipada en catro ou cinco anos seguro que poucos saberán quen aprobou a lei e menos como se aprobou.
A lei aprobouse o 18 decembro de 2020 en pleno Estado de Alarma e presentouse como Proposición de Lei de Grupos Parlamentarios (e non Proxecto de Lei do Goberno) para eludir a obriga de pedir informes ao Comité de Bioética Español, ao Consello de Estado, ao Consello Xeral do Poder Xudicial e á Organización Médica Colexial, porque sabían que non serían favorables… Semella que lles parecían poucas as mortes do Covid e que querían aumentalas!
Ollando o contexto cultural-semántico dos medios de comunicación todos percibimos centos de veces unidas morte digna e eutanasia… dando a entender que só a morte digna é a que sexa por eutanasia. Unha barbaridade! Se usamos palabras de carga emocional positiva forte como digna e dignidade, quen se pode opoñer? Pero isto é un engano vil pois a dignidade é da persoa, está nela, non na morte. Esta é unha realidade inexorable para todo vivinte despois dun período de tempo, que a algúns se lles fai longo e a outros (a inmensa maioría?) se lles fai breve ou brevísimo.
Xuntar morte digna-eutanasia fai unha presión emocional sobre as persoas que escamotea a realidade de eliminar a dor cos coidados paliativos. Busca que os que se opoñen á eutanasia se vexan como partidarios da morte con sufrimentos, unha moi grave manipulación. As situacións e circunstancias psico-físicas non fan ás persoas dignas ou indignas, senón que a dignidade é da persoa.
Uns bos coidados paliativos inclúen as dimensións físicas, psíquicas, sociais e espirituais segundo as necesidades da persoa enferma. Mesmo teño atopado persoas que polo bo coidado e aprecio do entorno social e familiar viven ledos máis tempo do outorgado polos prognósticos médicos na súa enfermidade.
A vixencia da lei conleva que te presionarán con que xeras un gasto excesivo á sociedade e non es produtivo, que es un egoísta e insolidario coa familia e os amigos e lles arruínas a súa vida, mesmo che dirán que lles amargas a vida por non deixalos vivir e desfrutar a vida. É máis, impedir un suicidio pode converterse en delito e mesmo desaparecerá o que hoxe se chama “delito de denegación de auxilio”… pois se un ten dereito á eutanasia e ao suicidio asistido, onde queda o sentido de humanidade e solidariedade?
Non deixa de sorprender que haxa profesionais dispostos a executar a sentencia de morte a un enfermo teoricamente terminal, aínda despois de ver a película Queridísimos Verdugos de Martín Patino. Fai anos contáronme que na guerra civil un home dixéralle a seu pai que se apuntara para facer fusilamentos porque lle pagaban 25 pesos e ante o seu escándalo xustificábase: “se non vou eu, vai outro e cóbraos el”.
Quen serán os grandes beneficiarios desta lei? Serán acaso os pobres e febles? Non esquezo que o PCP en Portugal na argumentación en contra da lei de morte anticipada lembraba que os ricos de Holanda na vellez marchaban a Alemaña para escapar desa morte. Beneficiaranse, sen dúbida, as contas da Seguridade Social, os fondos de inversión propietarios de residencias da terceira idade, as industrias do ocio, etc.
O sistema económico necesítanos máis como consumidores ca como produtores, pois hai exceso de capacidade produtiva, pero cando apenas consumes e dificultas que outros consuman e teñan ocio… sobras.
A mentalidade nazi de que os que “non son útiles” aos poderes deben desaparecer gaña terreo con esta lei e igualmente a lei capitalista de que o ser humano non é persoa senón un balance de ingresos e gastos. Triste papel o desempeñado pola chamada esquerda española neste campo á diferencia do PCP.
Entendo que a defensa da vida humana é en conciencia a causa máis importante pola que loitar. A verdadeira solidariedade está en apoiar aos máis febles, incluídos os que non che poderán acompañar a ti no futuro cando esteas especialmente necesitado. A loita pola dignidade de toda vida humana ábrenos ao compromiso e á esperanza.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas