Durante a primeira semana de outubro o misioneiro Antonio Fernández (IEME) está en Lugo dirixindo retiros para sacerdotes, celebrando o Xoves Eucarístico na Catedral e pronunciando unha conferencia. Isto último foi o 2 de outubro e transcríbense a continuación algúns momentos da súa intervención.
Sobre o seu labor na República Dominicana (Paraíso, Pedernales e Barahona), entre outras moitas cuestións, dixo Antonio Fernández:
“Eu pasei 8 anos indo á montaña, a algún lugar tardábase tres horas en subir, e a outro lugar unha hora e pico. Fixen un traballo que eu chamaba pre-evanxelización. Era achegarse, coñecer, organizar, formar, pór a alguén responsable de unir á xente, darlles polo menos dous anos seguidos de catequese antes de empezar a celebrar Misa e antes de bautizar a ninguén. Cando xa empezamos coa Misa, a xente, sobre todo os inmigrantes haitianos, querían o bautismo. Así que estiven 8 anos sen bautizar a ninguén na montaña, e o último ano bauticei 200 nenos”.
E sobre a maneira de organizar o traballo pastoral, explicou:
“Cada arciprestado reúnese mensualmente, pero non só os curas senón tamén as relixiosas e os laicos, responsables das áreas de pastoral. E a nivel diocesano, cada dous meses tamén hai reunións co Bispo organizando os plans de pastoral. Trabállase moito cos laicos e iso moi interesante, moi bonito. Aquí estamos un pouquiño atrasados niso, non vexo que aos laicos se lles dea tanta cancha”.
Antonio deu a noticia de que o 9 de novembro ordénase sacerdote un colaborador seu que estivo dous anos impartindo formación:
“El ía á montaña os luns e volvía os venres. E ás veces quedaba tamén seguido. Preparou a xente para o bautismo, a comuñón, a confirmación, fixo un coro cos rapaces. Eran totalmente analfabetos. Dous deses mozos están nun seminario e tamén hai dúas mozas relixiosas. Incrible! Van saíndo cousas bonitas dunha comunidade perdida da montaña grazas a inventar estas escolas a base de visitalas, buscar axudas e mantelas”.