O bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deron conta o 19 de setembro que está próximo a rematar a obra que a Xunta de Galicia realiza para acondicionar o baixo cuberta das Antigas Sancristías e Capela de San Froilán da Catedral de Lugo.
Nesta obra liberouse espazo e creáronse estancias habitables no baixo cuberta adosado ao Triforio na Nave do Evanxeo, para o que se eliminaron parcialmente os tabiques de ladrillo, substituíndoos por estruturas metálicas. Así mesmo, quedan realzadas as fiestras románicas do triforio, liberándoas dos forxados de formigón e substituíndoos por elementos de cristal, moito máis acaídos.
A obra incluíu tamén a colocación dun falso térmico que illa termicamente a cuberta, a limpeza das fábricas de cantería e a cubrición con morteiro de cal como acabado dos paramentos.
O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, en declaracións recollidas por COPE, afirmou que a obra “é moi boa”, porque ademais de recuperar unha parte da Catedral, gañouse superficie para habilitar “espazos de traballo, de arquivo e de almacenamento”.