O 17 de novembro presentouse o número 65 da revista que publica a biblioteca do Seminario: Lvcensia. O acto, presidido por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, estivo dirixido polo reitor David Varela Vázquez e tamén contouse coa presenza do director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez e do membro do consello de redacción, Óscar González Murado.
A parte central do acto correu a cargo da autora do primeiro artigo, a licenciada en Xeografía e Historia, María Quiroga Figueroa, que comezou sinalando:
“O Museo Provincial de Lugo ten unha serie de pequenas coleccións que quedan solapadas ou ensombrencidas por outras máis chamativas ou atraentes para o público xeral. Este é o caso da pequena colección de louza dourada mudéxar e mourisca. A pesar de tratarse unicamente de 19 pezas, o seu interese radica en que nos transporta a catro séculos de historia do noso país”.
E sobre o contido do seu artigo “La colección de loza dorada española en el Museo Provincial de Lugo” indicou que tiña dúas partes:
“Por un lado analizamos o valor histórico artístico de cada unha das pezas e por outro reconstruímos a historia da propia colección: as súas orixes, a forma de ingreso no Museo”.
Mons. Alfonso Carrasco pechou o acto, e entre outras cuestións, sinalou:
“Que siga tendo lugar unha presentación significa que a vida segue, que a redacción segue traballando -algo que quero agradecer-, que o centro de vida e cultura que representa a biblioteca do Seminario segue abrindo camiño… A vida do centro educativo onde está instalada a biblioteca deu pasos, medra, o que é unha delicia para todos”.