O 17 de xaneiro ás 18 h no salón de actos do Seminario presentouse a 4ª edición da Biblia.
O primeiro en intervir foi o vicepresidente de SEPT e responsable da edición Silvestre Gómez Xurxo, que valorou o traballo de Xosé Antonio Salgado Agromartín: “Fixo a tradución do libro de Daniel, que ten as súas dificultades por cuestións de uso das linguas. Desde o punto de vista literario, podo dicir que fixo unha tradución fermosísima e unha introdución tremendamente aclaratoria. Teño un pero que poñer ao labor de Xosé Antón Salgado: a min a pena que me dá é que non tivese traducido máis libros. Dígoo de corazón e congratúlame dicilo publicamente”.
O biblista e tradutor Xosé Antonio Salgado Agromartín comentou as dificultades da tradución: “O libro de Daniel é un libro antiquísimo, pois foi escrito alá polo ano 165 a. C. e cun xénero literario -apocalipse- a base de símbolos, que eran coñecidos polos lectores inmediatos, non así para nosoutros, que temos unha cultura moi distinta”.
Xosé Antonio Salgado refrescou os seus coñecementos das tres linguas bíblicas: grego, hebreo e arameo; repasou os datos históricos que rodean ao libro de Daniel.
Tamén falou da necesidade de promover a lectura da Biblia.
O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta Valentín García Gómez, anunciou que dende o Goberno galego vai abrirse unha serie de publicacións de textos litúrxicos en contido dixital para que estean a disposición de todas as persoas que queiran acceder á Palabra de Deus ou que polo seu labor como cregos, catequistas… necesiten acceder aos textos precisos para poder oficiar, axudar aos catequizandos… en calquera parte do mundo no noso idioma. Neste ano 2023 publicarase o Misal galego en aberto en internet.
Clausurou o acto Mons. Alfonso Carrasco, que entre outras cuestións, referiuse ao significado que ten a Biblia para Galicia: “Acompaña a histora deste pobo, que chegou ao ano 1965 con forza suficiente para dicir: vamos a dar este paso culturalmente tan grande, tan relevante, como é a tradución ao galego porque vemos a importancia do galego e da Biblia e facemos un traballo enorme para facer esta tradución. Este pobo está acompañado pola Biblia desde que ten memoria, dende que se escribe en latín nas terras de Galicia, e ata agora, aquela realidade inicial e ao longo da historia, aquela realidade de pobos que foi a que constituíu a historia do que hoxe chamamos Galicia, estivo sempre acompañada pola Biblia.”