O venres 31 de maio ás 16 h na parroquia San Francisco Xavier (Lugo) terá lugar a presentación de Frater, movemento de apostolado segrar de enfermos e discapacitados. A presentación corre a cargo de Enrique Alarcón García, que presidiu Frater e na actualidade é padre sinodal.
Frater está implantado en catro continentes e en 25 dioceses de España. A súa función principal radica no apostolado segrar, é dicir, ser membros vivos dunha Igrexa viva que sexa expresión do Pobo de Deus encarnado, e dunha maneira moi especial, entre as persoas con discapacidade e/ou grave enfermidade. Forma parte dos movementos de Acción Católica e vive intensamente a súa tarefa evanxelizadora e transformadora da realidade en comuñón eclesial.