Na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo o venres 8 de xuño presentouse a obra Colección Diplomática (569-1463) de Ventura Cañizares del Rey.
Ventura Cañizares foi párroco en Lalín e coengo en Lugo e Santiago. Cando faleceu en 1941 deixou unha excelente colección manuscrita de centos de documentos transcritos que agora editan dous expertos en paleografía e latín: Manuel Rodríguez Sánchez e Óscar González Murado.
O interese desta publicación reside, entre outros, nos seguintes aspectos:
- gáñase a conservación da documentación orixinal, que non é imprescindible manexar directamente para coñecer o seu contido;
- facilítase o acceso a uns documentos que ata agora só era posible para investigadores.
- permite coñecer usos e costumes do pasado con interese non só para historiadores senón tamén para calquera lector.
Na obra aparecen moitos testamentos, compras e vendas… cos correspondentes castigos e anatemas para quen non cumpra o estabelecido. Nalgún documento fálase da pena caldaria, consistente en que o reo, para “saber” se era culpable ou inocente, introducía a man en auga fervendo e máis adiante comprobábase o seu estado. Unha variante da ordalía consistía en que o reo era arroxado a un río.
Na obra que se vén de publicar figuran verdadeiras pezas literarias de elevada inspiración poética: seis invocacións á Virxe e unha ao apóstolo Santiago.
Publicacións Diocese de Lugo continuará editando novos volumes da colección diplomática de Ventura Cañizares.
Tanto Manuel Rodríguez Sánchez coma Óscar González Murado merecen parabéns pola publicación desta obra. Os dous traballaron incansablemente para levala a cabo e para conseguir que se dese ó prelo. Hoxe é unha realidade que honra á diocese e un instrumento de traballo para quen queira manexar documentos que ata o de agora eran de difícil acceso. Sen dúbida que nos alegrarán con novos volumes da mesma colección.