O 25 de maio, na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo, presentouse o nº 62 da revista Lvcensia.
O acto estivo presidido polo bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.
Os colaboradores convidados ao devandito acto foron José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López que presentaron o seu traballo acerca de José Fernández Núñez, párroco da Milagrosa, igrexa que contribuíu a edificar e da que se cumpren 75 anos de actividade cristiá.
Os contidos deste número abordan unha temática variada como o estudo da fortaleza baixo-medieval da Torre-Pazo San Miguel de Penas; a situación agónica actual do mundo rural; a figura de Xela Arias, as súas orixes e estudos na Granxa-Escola de Barreiros e no Colexio Fingoi e a súa faceta como escritora; ademais preséntase o proxecto CORGORAL, unha iniciativa do concello do Corgo para recoller a literatura popular de tradición oral en devandito concello; novas apreciacións sobre o tema de Odoario e un artigo no que se recollen os préstamos e donativos ao rei por parte do Cabido de Lugo.
Inclúense ademais dous traballos de investigación que achegan datos novos, un que demostra cal é a verdadeira casa de nacemento de Juan Francisco de Castro, e outro sobre un posible camiño romano nas proximidades da Ponte de Ombreiro.