O luns 22 de maio, ás 18:30 terá lugar o acto de presentación do número 66 da revista Lvcensia, na aula Magna do Seminario.
O acto estará presidido polo bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, coa intervención do director da revista, Gonzalo Fraga Vázquez e, como colaborador deste número, o autor convidado é Adrián Flores Vázquez, que falará sobre o Cristo xansenista doado polo arcediano de Dozón, José María Padilla, á Catedral en 1868.
Este Cristo é unha peza curiosa polos materiais empregados para a súa realización, así como pola tipoloxía do crucificado que segue a iconografía xansenista, deste tipo só existen dous máis no Museo da Catedral.
Atendendo á variedade que enriquece a cultura do noso ámbito local, Lvcensia aborda unha temática de ampla composición. Neste número poderá o lector aproximarse a temas que van desde a historia e arte da nosa Catedral a diversas zonas da xeografía provincial ou diocesana. Lugo, O Corgo, Silleda, Bóveda ou Antas de Ulla serán os concellos nos que se centrarán os contidos deste número. Deste último concello provén a imaxe de portada do novo número: é o cruceiro de Frádegas (Antas de Ulla), no que destaca a bóla estriada sobre a que se eleva a cruz (século XIX).
A Biblioteca do Seminario Diocesano, co apoio da Diocese, é a editora da revista comprometida co noso pasado e presente, sempre fiel aos seus principios fundacionais.