O martes 23 de novembro ás 18.30 h, na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo presentarase o nº 63 da revista Lvcensia.
O acto estará presidido polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.
O colaborador convidado será Marcos Gerardo Calles Lombao, que lembrará o 400 aniversario da escritura do coro da Catedral, obra de Francisco de Moure. No seu artigo faise unha revisión dos documentos localizados no Arquivo da Catedral de Lugo e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, así como da copia da traza orixinal do coro realizada por Felipe de Castro.
Neste número Abel Vilela fala da polémica xurdida ao redor da Lámpada Votiva regalada á Catedral de Lugo, obra do escultor Manuel Garnelo e Alda.
Manuel Varela realiza unha síntese sobre as Xornadas Abertas de Teoloxía que tiveron lugar este ano.
Sobre arquitectura versan dous artigos, un do arquitecto Santos Ferro sobre a fortaleza medieval de San Miguel de Penas, fonte de inspiración literaria das Églogas de Garcilaso de la Vega, Los pazos de Ulloa de Pardo Bazán e os Versos satíricos de Antón de Xilgar e hoxe propiedade da casa ducal dos Medinaceli; e outro da arquitecta Alberta Lorenzo Aspres, sobre a arquitectura escolar da emigración no concello de Xermade.
Ignacio Cabarcos, Fernanda Follana e Ramón Gutiérrez presentan dúas hipóteses de entrada da vía romana XIX en Galicia, por Pedrafita-As Nogais ou por Cervantes-Becerreá, inclinándose por esta última e achegando novos datos. Ramón Balado e García Porral analizan o primeiro dicionario galego-castelán, de Francisco Javier Rodríguez, centrándose no léxico zoolóxico.
Aurelia Balseiro rememora a figura de Manuel Vázquez Seijas e o seu labor á fronte do Museo Provincial de Lugo. Luisa Doval homenaxea a Dante no setecentos aniversario da súa morte co estudo dun precioso exemplar da Divina Comedia pertencente aos fondos da Biblioteca do Seminario.
Da man de Óscar Murado, Lvcensia reedita dous documentos relacionados co santo e mártir lucense José María de Suegos que nos dan a coñecer a súa biografía e o contexto no que se realizaron as misións en Vietnam.