Na aula magna do Seminario o venres 29 de novembro ás 18:30 h preséntase o número 59 da revista Lvcensia. Miscelánea de cultura e investigación, que edita a Biblioteca do Seminario Diocesano.
O acto estará presidido polo sr. Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco e o director da publicación, D. Gonzalo Fraga. Mª José López Caldeiro falará de Santa María de Penamaior e o seu papel nunha variante do Camiño de Santiago.
A celebración dos trescentos cincuenta anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento permanentemente exposto na catedral de Lugo foi motivo de reunión de varios conferenciantes para falar deste evento. Lvcensia faise eco deste acontecemento cun artigo do Bispo diocesano alusivo aos conceptos tratados nestas conferencias.
Adolfo de Abel Vilela presenta un artigo sobre o mestre de obras Fulgencio Durán, centrándose no edificio do Pazo das Pombas. Pablo Ferrín explica os diversos usos dos chantos, acompañando o seu estudo con fotografías da parroquia de Bocamaos. Aurelia Balseiro homenaxea a un dos mecenas máis importantes do Museo, Antonio Fernández López. Miguel García-Fernández e Luis Manuel Ibáñez expoñen no apartado de “Texto” a documentación respecto ao burgo do Piñeiro, orixe da actual cidade do Cabe.
Outros artigos de interese versan sobre a Real Cédula do ano 1754 en favor do Cabido da Santa Igrexa de Lugo, documento que se conserva no Museo Provincial, sobre o órgano da catedral obra do franciscano Manuel Fernández Fernández e sobre as conclusións ás que chega Santos Ferro para a hipotética reconstrución do Priorado Santiaguista de Vilar de Donas.