O 8 de xuño no Vello Cárcere de Lugo tivo lugar a presentación do libro María de Nazaret, datos del Nuevo Testamento sobre la madre de Jesús, do que é autora Teresa Vilariño Pardinas.
O acto foi aberto pola presidenta do grupo El Progreso Blanca García Montenegro, que destacou o carácter de loitadora de Teresa Vilariño.
A continuación, o director do Movemento Bíblico Diocesano, Jesús Fernández Aira, referiuse á metodoloxía da autora: achegamento á Biblia desde a propia vida (incluíndo a fraxilidade e a dor), uso da eséxese e da antropoloxía cultural.
Tamén foi sinalando Jesús Fernández Aira as realidades das que parte a autora: catequese, mística de ollos abertos, feminidade de María, empoderamento, María como crente que vive as súas dificultades e supéraas, identificación de María cos pobres de Iavé (Magnificat); María, nai da Igrexa.
A autora, Teresa Vilariño, contou a motivación para escribir o libro: o feito de que os segrares non sempre chegan a coñecer as marabillas que hai na Biblia e ela proponse proporcionar chaves de lectura.